InicioM.ambiente e PatrimonioAlcoa destaca a seguridade da balsa de lodos vermellos tras presuntas fugas...

Alcoa destaca a seguridade da balsa de lodos vermellos tras presuntas fugas denunciadas por veciños

Veciños da parroquia de Lago denunciaron unha presunta fuga desde a balsa de lodos vermellos. A empresa, Concello de Xove e comité de empresa sinalan que é area para a ampliación do muro de contención

Publicada o

- Advertisement -

Un veciño da parroquia de Lago gravou a inicios desta semana unha presunta fuga na balsa de lodos vermellos que ten Alcoa na parroquia xovense. As imaxes mostraban unha escorrentía de cor vermella e varias máquinas traballando a redor dela. A Mariña Xornal contactou coa fonte do vídeo e outras imaxes. Segundo trasladou a este medio sería unha fuga de lodos que, aínda así, non afectou ao rego que pasa perto da balsa.

Postos en contacto co comité de empresa, co Concello de Xove e con Alcoa, os tres confirmaron que se trata de area usada nas obras para subir de cota o muro da balsa. Así o transmitiu primeiro o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, logo de facer consultas coa factoría. Tamén o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, confirmaba que eran areas das obras para chegar á cota 104 no muro de contención.

ALCOA

Desde a propia Alcoa confirmaron que se trata de area “de cor laranxa e usada na construción das bermas (niveis) do dique frontal”. Sinalan que a cantidade vertida non é importante e a cor que presenta é a propia deste material, descartando que se trate de lodos vermellos.

Segundo explican desde a empresa, durante os meses de xaneiro e febreiro paráronse as obras de construción no dique debido ao mal tempo. As choivas filtráronse nos materiais de construción e unha das consecuencias foi a aparición dunha bolsa de auga e area.

Coa chegada do bo tempo reiniciáronse as obras con maquinaria pesada. Os movementos de terras realizados polas máquinas abriron a bolsa de auga con area inservible o que provocou a escorrentía vermella. Nestes momentos, os traballos para aumentar a cota do muro da balsa continúan sen incidencias.

ÚLTIMAS