O grupo municipal do BNG de Ribadeo resalta nunha nota a súa “preocupación pola situación na que se atopa a obra da reforma do Hospital Asilo” logo de que a semana pasada a Policía Local precisante o edificio. Na mesma nota, os nacionalistas indican que o goberno municipal aínda non ofreceu ningunha explicación sobre o sucedido.
Segundo palabras do novo voceiro nacionalista, Martín Graña: “Estamos diante dun proxecto fundamental para Ribadeo que acumula retrasos desde o primeiro momento e que foi utilizado de maneira reiterada polo alcalde para acaparar titulares na prensa anunciando avances que hoxe se demostran inexistentes“. Desta maneira, Graña apunta que o BNG xa avisaba dos atrasos na execución e coa empresa concesionaria en concurso de acredores.
O BNG de Ribadeo denuncia que o alcalde se limitou a prometer que se licitaría o 13% da obra pendente de execución. Así, destacan que “o único que hai é un edificio precintado e unha veciñanza que non sabe que vai pasar cunha infraestrutura básica para o seu futuro”. O BNG reclama explicacións á alcaldía e que “asuma as responsabilidades políticas” desta situación.
