As obras do peche perimetral do colexio Gregorio Sanz marchan a bo ritmo. Trátase dun proxecto innovador e respectuoso co medio ambiente, que supón un investimento de 326.000 euros, achegados pola Xunta de Galicia.
O alcalde, Dani Vega, indicou que “avanzan a moi bo ritmo as obras do peche perimetral do colexio Gregorio Sanz. Baixo eses parámetros de seguridade era a proposta que tiña a dirección do centro, tanto a de agora como a anterior dirección, hai que agradecer todo o traballo que fixeron. Son unhas obras que nosoutros viamos fundamentais, dado que o peche que había tiña xa un deterioro moi importante. E podía ter consecuencias negativas. De feito tivo unhas consecuencias, derrubouse en varios puntos e houbo que facer arranxos provisionais. Pero non nos podemos quedar aí. Había que tomar decisións, tomáronse esas decisións. Houbo unha xestión ante a Xunta de Galicia, ese orzamento de 326.000 euros para renovar todo o peche perimetral”.
O rexedor subliñou: “hai que destacar que é unha proposta local, unha proposta do Concello á Xunta de Galicia, un proxecto tamén encargado a un técnico de Ribadeo e trasladamos unha proposta innovadora, porque convive perfectamente co medio ambiente. Estamos dándolle unha segunda vida a moito material que se tira, é dicir ao plástico. Vai aos puntos de reciclaxe e agora xa se lle está dando unha segunda vida. O que ven sendo toda a varanda, no seu exterior, está feita de material de plástico, que se reciclou. Evidentemente, dentro vai unha varilla de aceiro, é dicir ten que cumprir con todos os parámetros de seguridade que nos ditamina a Consellería de Educación”.
Vega dixo que “foi unha moi boa proposta que foi aceptada pola Xunta, o financiamento 100 % por parte da Xunta de Galicia e un traballo conxunto. Evidentemente, unha proposta do Concello, pero unha proposta que recollemos e que nos trasladou a anterior dirección, a actual dirección, a anterior Anpa e a actual Anpa. É dicir, un traballo perfectamente coordinado e un éxito rotundo”.
O alcalde insistiu en que “as obras avanzan a moi bo ritmo. Tamén hai que felicitar á empresa porque estes traballos están convivindo perfectamente coas clases. Nestes momentos no colexio hai actividade lectiva, hai actividade permanente e non está habendo ningún problema, convive perfectamente e hai que agradecer o traballo á empresa que ten por encargo facer esta obra”.
Para Dani Vega “cando as cousas están ben feitas, ben coordinadas, tamén hai que dicilo cando é así, hai que destacar tamén o positivo das cousas. Vamos seguir investindo dentro dunha infraestrutura moi importante como é o Colexio Gregorio Sanz. Queda moito por facer, pero durante estes anos fomos traballando conxuntamente coas direccións, coas Anpas e iso traduciuse sempre en inversión. Recordar toda a obra do edificio e agora tamén co peche perimetral e vamos seguir investindo”.
