InicioOccidentalViveiroO BNG de Viveiro levará ao pleno a creación dun Plan Integral...

O BNG de Viveiro levará ao pleno a creación dun Plan Integral de Mellora Urbana

A iniciativa propón un enfoque global, planificado e sostible para facer fronte á progresiva degradación de espazos públicos e mobiliario urbano que se observa en diferentes zonas do concello.

Publicada o

- Advertisement -

O grupo municipal do BNG no Concello de Viveiro defenderá no pleno ordinario do vindeiro 4 de marzo unha moción para a elaboración e implantación dun Plan Integral de Mantemento e Mellora Urbana, co obxectivo de garantir un Viveiro máis coidado, seguro e atractivo para a veciñanza e visitantes.

A iniciativa, presentada polo grupo nacionalista, propón un enfoque global, planificado e sostible para facer fronte á progresiva degradación de espazos públicos e mobiliario urbano que se observa en diferentes zonas do concello.

A voceira do BNG en Viveiro, Iria Cotelo, sinala que “o estado de mantemento da nosa vila non é unha cuestión menor nin tan só estética, é unha cuestión de seguridade, de calidade de vida e tamén de respecto pola veciñanza”. Cotelo advirte de que “vemos baldosas soltas durante meses, mobiliario urbano deteriorado, zonas que precisan unha limpeza en profundidade e espazos verdes que necesitan máis atención e planificación”.

Desde o BNG consideran necesario pasar dunha dinámica de actuacións puntuais e reactivas a unha planificación estruturada no tempo. “Non se trata de actuar só cando hai queixas, senón de prever, planificar e priorizar intervencións con criterios técnicos e cun calendario claro”, explica Cotelo.

O Plan proposto inclúe, entre outras medidas, a realización de visitas técnicas periódicas por zonas para detectar necesidades urxentes; a creación dunha canle áxil para que a veciñanza comunique incidencias; o establecemento de criterios de calidade e integración estética nas intervencións en espazos públicos; e unha avaliación económica para a renovación progresiva do mobiliario urbano, apostando por modelos unificados, duradeiros e sostibles.

A moción tamén recolle actuacións específicas sobre zonas verdes, como a plantación de flores de tempada, a reposición e incremento do arborado urbano con especies axeitadas e o mantemento dos alcorques.

Ademais, o BNG propón que o Plan conte cunha dotación económica específica nos orzamentos municipais e que se establezan mecanismos de seguimento e avaliación periódica, favorecendo a participación cidadá.

Para Iria Cotelo, “Viveiro precisa unha folla de ruta clara para dignificar os seus espazos públicos. Un concello coidado non depende só da boa vontade, senón dunha planificación seria e dun compromiso político firme”. E conclúe: “Queremos un Viveiro que sexa motivo de orgullo para quen vive aquí todos os días”.

O BNG agarda que o resto da corporación apoie esta proposta “pensando no interese xeral e na necesidade de mellorar de forma real e visible a contorna urbana do noso concello”.

ÚLTIMAS

Trabada recibe o plano cos beneficiarios dos descontos da luz vinculados ao parque do Mondigo

O Concello de Trabada vén de recibir por parte de Recursos de Galicia e...

Correos activa o servizo de transporte de mochilas no Camiño norte no seu paso por Ribadeo

Os peregrinos que realicen o Camiño de Santiago este ano xa teñen dispoñible o...

Ribadeo anuncia melloras na accesibilidade para a Rúa Virxe do Camiño

O alcalde, Dani Vega, dixo que “seguimos mellorando a zona da Virxe do Camiño....

Barreiros inaugura a exposición “Fauna Esencial”

Esta mañá ás 11:30 horas tivo lugar a inauguración da Exposición “Fauna Esencial” da...