A deputada por Lugo, Patricia Otero, e o senador César Mogo aseguraron este sábado en Trabada que o “fiasco” do proxecto industrial de Altri representa tamén “o fracaso dos deputados e senadores do PP por Lugo”, aos que reclaman explicacións polo seu comportamento político e institucional. Os socialistas consideran que os representantes populares priorizan a confrontación co Goberno do Estado mentres ignoran cuestións que afectan directamente á veciñanza da provincia.
Ambos dirixentes sinalaron que “o fiasco de Altri, que tanto levaron ao Parlamento defendendo un proxecto nocivo para a provincia, é o fracaso dos deputados e senadores do PP por Lugo”. Neste sentido, apuntaron directamente ao deputado no Congreso Francisco Conde, exvicepresidente e exconselleiro da Xunta, a quen responsabilizan, xunto a Rueda e Feijóo, do desenvolvemento dun proxecto que cualifican de “enorme fracaso político”.
Otero e Mogo esixiron ademais que Conde faga público o documento que, segundo lembran, asinou coa empresa Altri no exercicio das súas responsabilidades institucionais. Ao seu xuízo, “non pode manterse no segredo nin ampararse en ridículas escusas legais” e debe explicar os compromisos adquiridos durante a súa etapa no Goberno galego. “Non pode manter na escuridade os actos que levou a cabo dende os seus cargos políticos. É unha indecencia que permaneza en silencio e se negue a dar explicacións”.
Na súa comparecencia tamén fixeron referencia ao deputado Jaime Olano, do que censuran que non ofrecese explicacións tras verse implicado, segundo lembran, nun intento de alteración de votacións parlamentarias relacionadas coa Lei de Economía Social. Os socialistas sinalan que “non ofreceu nin unha soa explicación nin desculpa sobre este bochornoso comportamento” e aseguran que lle debe unha explicación convincente aos cidadáns de Lugo, que “merecen un comportamento decente de quen os representa”.
Xunto a estas críticas, Otero e Mogo denunciaron a actitude dos parlamentarios populares na provincia, aos que reprochan percorrer Lugo “buscando debaixo das pedras reproches ao Goberno do Estado” mentres, aseguran, “non se achegan nin por casualidade a un centro de saúde onde os veciños padecen a diario o fracaso da política sanitaria da Xunta”. Tras unha visita xunto ao alcalde de Trabada, Rubén García, puideron constatar situacións con “un só médico ou, en ocasións, ningún médico para atender aos veciños do municipio”. “Así sucede por toda a provincia e os deputados e senadores do PP, pasando do problema”.
“Os cidadáns de Lugo teñen que saber que os parlamentarios do PP pola provincia están volcados na estratexia de atacar ao Goberno, faga o que faga, en detrimento do traballo de representación dos intereses dos lucenses e sen dar unha soa explicación sobre os seus lamentables comportamentos”, concluíron.
