InicioOccidentalCervoCervo presenta o seu programa de Nadal para todos os públicos

Cervo presenta o seu programa de Nadal para todos os públicos

Unha programación completa con música, actividades infantís, propostas deportivas, tradicións e o festival Callo Fest para despedir o ano

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Cervo vén de presentar o seu programa de Nadal, unha proposta ampla e diversa que combina tradición, cultura, deporte e diversión para todos os públicos. Na presentación, na Plaza do Concello, participaron a alcaldesa, membros do equipo de goberno e representantes das asociacións que colaboran na organización das numerosas actividades previstas, reforzando unha vez máis o carácter participativo e comunitario que define ao noso Concello.

A alcaldesa destacou que “trátase dun programa variado, pensado para que todas as persoas, independentemente da súa idade, poidan atopar propostas para gozar destas festas. É tamén unha forma de dinamizar o noso concello, promover a convivencia e apoiar ao comercio e ao asociacionismo local, que son fundamentais para que Cervo siga medrando con forza”.

A programación comezará este sábado 6 de decembro coa elaboración dos Beléns de plastilina -ás 12:00 horas no Concello e ás 17:00 horas na Casa da Cultura- e co acendido do Belén feito con papel reciclado de xornal da Asociación de Mulleres de San Cibrao, que será ás 18:00 horas, na Casa do Mar.

O 13 de decembro celebrarase o Mercado de Nadal na Praza do Souto, organizado por Airiños do Xunco co apoio do Concello, e o 17 de decembro terá lugar o Día do Soci@ do CIT no local da asociación. Durante esas datas, Papá Noel e o seu Elfo visitarán centros educativos, a escola infantil, o CDR, e rúas do municipio en diferentes xornadas organizadas polo Concello de Cervo e tamén por diferentes asociacións do municipio.

O programa continuará con propostas moi variadas, como o Interactive Super Grid e a pista multiobstáculos para os días 20 e 21 de decembro, na Praza dos Campos, o Guategue Arruguiñas de Nadal o día 20 organizado polo Concello e a Asociación Terramar na Casa do Mar, a Visita de Papá Noel a Rúa o día 21 organizada pola Asociación de Veciños de Rúa en colaboración co Concello, e a Merenda e Visita de Papá Noel a Trasbar tamén o día 21 organizada pola Asociación de Veciños do Burgo de Trasbar, igualmente co apoio municipal.

Ese mesmo domingo, día 21 de decembro, terá lugar a tradicional Gala de Nadal, nesta ocasión no salón de actos do Concello, a partir das 19:30 horas, coa participación dos diferentes grupos musicais e de baile do Concello.

Os días 22, 23 e 24 desenvolveranse as actividades xuvenís do Tren de Nadal e o Downhill Rollerball, , e o día 23 celebrarase a festa acuática na piscina municipal. O 24 será a quenda do Noiteboa Infantil na Praza do Souto, organizado pola Fervenza de Sargadelos en colaboración co Concello.

Un dos pratos fortes da programación chegará o 26 de decembro co Callo Fest, organizado por Amigos da Troula co apoio do Concello de Cervo, que reunirá na Praza dos Campos a Aphonnic, Black Back Band, Not Yet e Until Dawn para ofrecer unha noite de música enérxica e bo ambiente. O tributo a AC/DC de Black Back Band será o prato forte dunha cita que recupera os tradicionais callos de balde e que incluirá o xa clásico ensaio das badaladas de fin de ano á media noite.

O día 27 o Mago Jorge representará o seu espectáculo Magicamente, no salón de actos da Casa do Mar, ás 19:00 horas.

Os días 29 e 30 haberá actividades xuvenís con sesións NERF, talleres de tatuaxes e de chapas, organizadas polo Concello na Praza do Souto; e o día 30 tamén se celebrará un novo Guategue de Arruguiñas no CDR que tamén desfrutará dunha representación teatral o día 28 de decembro pola mañá.

O 31 de decembro instalaranse as alfombras de baile na Praza dos Campos pola mañá e na Praza dos Souto á tarde; e tamén será o día da Carreira Popular San Silvestre – A Fume de Carozo, organizada por Fume de Carozo coa colaboración do Concello, que partirá ás 12:00 horas da Praza dos Campos. Esa mesma noite celebrarase a Xuntanza e brindis de Fin de Ano no local social de Trasbar, organizada pola Asociación Veciños do Burgo de Trasbar.

Xa en xaneiro, o día 3 haberá un espectáculo infantil na Praza dos Campos, ás 19:30 horas, e o 4 un show de maxia e un concerto para todos os públicos, na Praza do Souto, organizados polo Concello de Cervo en colaboración con Airiños do Xunco.

O día 5 celebraranse as tradicionais Cabalgatas de Reis: en San Ciprián, ás 18:00 horas organizada polo Concello e coa colaboración da Asociación de Mulleres de San Ciprián e a ANPA do CEIP Península da Paz, con remate e recepción real na carpa instalada na Praza dos Campos e chocolatada con biscoito caseiro e bocadillos de salchicha da man da asociación cultural Comisión de Festas de Lieiro; e en Cervo, a partir das 19:30 horas organizada por Airiños do Xunco en colaboración co Concello, cun percorrido polas rúas e chegada á Praza do Souto.

Como peche, o 25 de xaneiro celebrarase no pavillón do CEIP Península da Paz o Campionato de Kata e Exhibición Técnica, da Federación Galega de Karate e o departamento galego de Nihon Taijitusu, co apoio do Concello.

Ademais, haberá Brincos de Nadal, como actividade de conciliación, o día 27 de decembro, ás 12:00 horas, nas Escolas Vellas de Cervo, e ás 17:00 horas na Casa da Cultura; e tamén o día 2 e 3 de xaneiro, nos mesmo horarios e lugares.

O Concello de Cervo anima a toda a veciñanza e visitantes a participar activamente neste programa pensado para ofrecer alternativas de ocio variadas, de calidade e creadas para favorecer a convivencia e o espírito festivo que caracteriza estas datas.

ÚLTIMAS

Acepta prisión por cinco anos logo de ser detido por levar cinco quilos de cocaína no seu coche en Ribadeo

Cinco anos de prisión e unha multa de 1.231.004,71 euros, é a condena que...

A Plataforma Pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo denuncia que Renfe prioriza Asturias tras os seus cambios internos

A Plataforma Pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo puxo de manifesto que o principal problema...

Xulgan dúas persoas por un traballador morto tras ser alcanzado por unha barra de ferro en Xove

A causa pola morte dun traballador de 45 anos nun accidente laboral ocorrido en...

Presentado en Burela o Iberdrola Surfing Day

  A Presidenta da Deputación e Alcaldesa de Burela, Carmela López, participou hoxe na presentación...