InicioCentralFozPedro Fraga, carpinteiro de ribeira: "Cando entrei no estaleiro facíanse barcos de...

Pedro Fraga, carpinteiro de ribeira: “Cando entrei no estaleiro facíanse barcos de máis de vinte metros”

Pedro Fraga, natural de Foz, foi carpinteiro de ribeira na localidade do Masma. Alí empezou nun estaleiro como 'pinche' (aprendiz) e logo pasou ao estaleiro do seu curmán Santiago Pérez Mariño. Este último deixou o estaleiro para traballar na Coruña pero foille aprendendo a Pedro Fraga como facer os planos e as maquetas. Carballos, piñeiros e eucaliptos eran as árbores máis empregadas na construción de ribeira. Logo, nos setenta pecharon os estaleiros e Pedro Fraga traballou en Alcoa vinte e sete anos. Aínda así, non pechou o taller e seguíu facendo pequenos encargos.

Publicada o

- Advertisement -

-A idade comezou a traballar en estaleiros de ribeira?

Comecei con trece anos, cando saín da escola. O meu pai non quería que eu fora ao mar e entrei nun estaleiro que tiña un curmán meu. En total, traballei en dous asteleiros, un era de David del Riego e o outro era de Santiago Pérez Mariño, ‘Santiago da Puebla’ que lle chamabamos. Daquela facíanse barcos de aproximadamente vinte e dous ou vinte e cinco metros ou algo máis, todos boniteiros. Logo de vir do servizo militar fun para o mar porque houbo unha crise moi grande entre os estaleiros de Foz, porque daquela había catro ou cinco na localidade. Desta maneira, acabei compaxinando o mar co estaleiro. Durante o verán ía ao bonito e ao bocarte e logo durante o inverno traballaba nos estaleiros. Logo quedei co estaleiro de Santiago Pérez Mariño pois el marchara para a Coruña. Estando naquel estaleiro fixen un barco de vinte e dous metros para Llanes que se chamaba ‘Playa de Abascal’, e así empecei a cousa. Comecei como ‘pinche’ se sen gañar nada, traballando duramente dez horas, daquela era así.

-Dixo que construían boniteiros pero nos estaleiros tamén se construían barcos que servían para outras artes, para outras pescas?

Si, para o bocarte e para a sardiña, eran tarrafas e boniteiros. As tarrafas eran para aquí, para Foz, porque esas andaban á sardiña. O deseño era igual mais armábanse de maneira diferente aos boniteiros porque as tarrafas levaban aparellos, rede. Os barcos facíanse con quilla de eucalipto, as madeiras eran de carballo e o banzo era de piñeiro do país.

-A madeira, segundo a árbore, había que cortala nun momento do ano concreto?

Había especialistas niso, por exemplo, a madeira de piñeiro cortábase na primavera, piñeiros que estiveran ao norte para poder revirar a súa madeira, para tratala. Logo o eucalipto e o carballo non se miraba tanto, mais o piñeiro para o banzo, que é o forro de fóra, si se cortaba nunha época do ano. O eucalipto cortábase cando cadraba.

-Desde a súa posición de ‘pinche’ como se foi metendo na profesión de carpinteiro de ribeira?

Funme metendo a medida que aprendía co tempo, o que máis me costou foi aprender a deseñar un plano, que me ensinou Santiago Pérez Mariño. Isto fíxoo cando eu quedei co seu estaleiro porque el marchara para unha cooperativa de estaleiros que había na Coruña. Iso foi o máis caro que me custou, o facer planos e maquetas. Cando tiña algún problema co deseño dos planos chamaba a Santiago e así me foi aprendendo até que quedei definitivamente eu só co estaleiro. Cando lle mostraba algunha maqueta que tiña feito eu, Santiago corrixía se sobraba ou faltaba algo. Isto foi do 1967 para adiante. Noutros estaleiros eran reacios a aprenderche a facer os planos e mostrar o oficio, non sei por que. Durante ese tempo fixen catro ou cinco embarcacións grandes e logo pequenas fixen moitas, de dez metros, nove ou oito porque era máis rápido facelas e tiñan moita saída.

-Nunca lle encargaron embarcacións deportivas ou para pasar o tempo?

Si, embarcacións para a pesca deportiva fixen moitas, debín facer entre trinta ou corenta. Encargábanas xente de Tapia, Ribadeo ou Burela, para alí fixen moitas, tamén para Morás (Xove) e para Viveiro. Tamén fixen unha matriz en madeira para un estaleiro propiedade de Martín Beltrán, que facía embarcacións de poliéster de cinco metros. No estaleiro acabei tendo oito ou nove homes ao meu cargo.

-Non se podían construír barcos cunha única madeira?

Non, porque a quilla tiña que ser de eucalipto pois non había outra madeira que dera vinte e tantos metros. Sei que no País Vasco ou Francia as quillas eran de carballo mais xuntaban as pezas de madeira cunha arte chamada “diente de perro”. A nosa vantaxe era termos eucaliptos, escollías un con boas dimensións e pedías que cho cortaran e todo era unha peza e para o carballo íamos até Castro Ribeiras de Lea, por exemplo. Para cortar eucaliptos ía con alguén que soubera onde había boas árbores e levabamos varios cun diámetro de 35 centímetros, isto porque a quilla levaba unhas medidas de 30×40. Eran pezas moi escollidas e había poucos montes con árbores coma estas.

-Cando se poñían as madeiras había que facer alguna obra antes de colocar?

Había que carenar o barco táboa por táboa. Isto facíase con estopa que se metía cuns mazos feitos para iso, a operación ía de proa a popa. Carenábase, dábaselle resina e ‘masilla’. A resina fervíase e botábaselle sebo porque senón a resina reventaba porque secaba e rompe como cristal. Coa mestura con sebo había veces que nin facía falta estopa.

-Todos os barcos grandes que construíu eran a motor?

Si, todos. Os motores instalábanse aquí en Foz, en Talleres Martínez. Haber había tres talleres e todas as embarcacións que fixen eu montáronse en Foz. Estes talleres mercaban os motores fóra, en Francia sobre todo.

-Como eran os cristais da ponte do barco? Como se montaban para resistiren un golpe?

Eran cristais moi gordos, case dun centímetro de grosor mais eran feitos especialmente para ese labor. Colocábanse todos en goma hermética e a armazón xa viña feita e só había que montar as ventás, viñan como se fose unha bisagra. Eu facía as embarcacións e a montaxe de máquinas e cristal xa o facía o taller.

-A pintura dos barcos tamén tiña que ser especial. Pintábase nun taller ou pintaban vostedes o barco?

Pintabamos nós, segundo iamos facendo xa iamos pintando, a pintura levaba un aceite pensado xa para barcos. Aquí en Foz había unha ferraxaría, Ferretería Tino, que xa preparaba el a pintura e era moi boa, el tiña unha fórmula propia. Teño desmontado barcos con moitos anos e a pintura primitiva aínda estaba alí.

-Falou ao comezo da crise dos barcos de madeira. Cando comezou esa crise?

Foi a partir dos anos setenta, setenta e pico, cando comezaron a pechar os estaleiros por aquí. Mais os barcos de madeira duraron moito tempo navegando, aínda os hai hoxe no mar. Aquí cada estaleiro podía facer dúas embarcacións ao ano, das grandes. Logo foi cando comezaron a facer barcos de chapa.

-Unha vez que pechou o estaleiro cal foi a súa profesión posterior?

Fun para Alcoa e alí botei 27 anos, na sección de electrodos. Con todo, eu seguía tendo o taller, e como traballaba a quendas se estaba de tarde pola mañá estaba alí no taller, facía embarcacións pequenas de catro ou cinco metros. Mais agora xa levo tempo retirado.

ÚLTIMAS

A alcaldesa de Barreiros pide aplicar o “Modelo Muras” para as compensacións polo parque eólico Mondigo

  A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, adiantou hoxe, tras coñecer o anuncio feito pola...

A ampliación do Hospital da Mariña avanza con 33,5 millóns e máis espazo en urxencias, UCI e consultas

O Hospital Público da Mariña continuará coa súa ampliación a través das fases 2...

Convenio entre Viveiro e Portos de Galicia para ordenar o tráfico na rúa Porto de Celeiro

O Concello de Viveiro e Portos de Galicia asinaron un convenio de colaboración...

Ribadeo contará cun novo solo residencial para 300 vivendas, a maioría protexidas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a delimitación dun novo ámbito...