InicioOccidentalO VicedoBoris Vilar: "É emocionante saber que aquí tivemos achegas da cultura viquinga"

Boris Vilar: “É emocionante saber que aquí tivemos achegas da cultura viquinga”

Boris Vilar é guía de sendeirismo en Rutas Galicia Norte mais é un bo coñecedor dos lugares máis destacados das invasións normandas na costa galega, sobre todo no Vicedo. Durante a VIII Romaxe Viquinga do Vicedo, Boris guiará persoas por rutas onde se sospeita ou se intúen pegadas da cultura normanda ou viquinga. Así, ademais da simple participación nas festas e no desembarco tamén se poderá gozar as explicacións "in situ" de como transcorreron as chegadas dos normandos á área do Vicedo.

Publicada o

- Advertisement -

-Este sábado celebrarase a VIII Romaxe Viquinga na Praia de San Román, no Vicedo. Dentro das celebracións desta romaxe, cal será o traballo que desenvolverás dentro dela?

Esta semana xa realizamos unha ruta pola praia de San Román, será curta mais visitaremos espazos arqueolóxicos como o xacemento dos Moutillós. Nese lugar hai uns indicios que parecen apuntar á súa ocupación ou captura nalgún punto da Idade Media polos normandos.

-Que se explica á xente que visita ese espazo durante a ruta e o seu percorrido?

Falamos dese espazo tan próximo á Illa Coelleira ou a Estaca de Bares e que ten de fondo un mar salvaxe. Este espazo ten unha longa historia detrás e parte dela foi rexistrada en tempos das invasións normandas nesta parte da costa galega. Estas expedicións normandas continuaron pola costa portuguesa e parte do Mediterráneo. Dentro desa liña temporal tamén destacaba Santiago como un dos lugares máis importantes de peregrinaxes en toda Europa. Todo este conxunto de circunstancias é o que nos move a visitar ese conxunto dos Moutillós que tamén ten unha historia previa pois encontráronse restos da presenza dun castro. Por outra parte, en épocas máis tardías as estruturas defensivas do castro serían reforzadas, ampliadas e actualizadas segundo as necesidades dos tempos que transcorrían. Moutillós, o topónimo, é posible que veña de motteandbailey, unha estructura que basicamente era unha torre nunha zona elevada custodiado por un foxo ou corredor ademais de murallas e parapetos.

-Quen lle fixo fronte ás invasións normandas daquela época?

Tanto en crónicas medievais, crónicas do ducado de Normandía e mesmo nas sagas nórdicas, temos constancia que nestas terras os viquingos estiveron uns 200 anos, tanto na época pagá como na súa conversión ao cristianismo. Poderiamos ir mesmo cen anos máis atrás, cousa que non pode descartar a posibilidade de contacto con persoas do lugar. Eran contactos baseados na captura de tesouros noutras terras para levar aos seus lugares de orixe.

-Que outros legados deixaron na zona estas invasións viquingas?

Aí xa teriamos que falar algo máis de especulacións, mais existe unha cuestión que resulta polo menos rechamante. Nas excavacións arredor do Vicedo encontráronse restos de incendios. Podería ser casualidade sen ter que atribuírllo aos normandos mais é certo que era habitual nos combates da Idade Media, e concretamente por parte destes grupos viquingos, tiñan este costume de incendiar lugares. Outra cousa que tamén chama a atención mais non no Vicedo senón en Foz, temos lendas arredor do Bispo Santo, San Gonzalo, quen pregando a Deus conseguiu librar a esa costa dunha invasión normanda afundindo a frota atacante. Este momento acontecería na etapa final das invasións viquingas e o afundimento sería como unha metáfora da conversión ao cristianismo e o abandono das accións invasoras e pagás.

-Á parte dos Moutillós, existen outras pegadas ou presuntas pegadas que puideran ter deixado os normandos no Vicedo?

É moi interesante un achádego realizado polo equipo de Mariña Patrimonio en 2013 ou 2014, que resultaron ser dúas áncoras líticas, unha de 60 kg e outra de 120 kg e de grandes dimensións. Unha dela presentaba formas nada habituais nas áncoras medievais desta zona e, ademais, ambas as dúas áncoras estaban feitas da rocha de Ollo de Sapo, esa rocha tan singular que temos nas praias de San Román. Poderiamos pensar na posibilidade de seren áncoras para embarcacións da zona, mais tamén se dá a casualidade que estes obxectos eran para barcos considerablemente grandes e, segundo din expertos, non se constatan embarcacións desas dimensións nesta zona. Puido darse unha construción conxectural puidendo ser unha áncora perdida nalgún temporal e que finalmente tivesen que facer unha nova nesta área. Isto son conxecturas mais engádese que polo mesmo territorio foron encontrados restos de sílex, unha rocha que non temos na Mariña mais si habería en Normandía e Illas Británicas. Este sílex era usado polas naves viquingas como lastre durante as súas travesías polo mar cando ían baleiros, cando cargaban as naves con tesouros, botaban o lastre ao mar para darlle espazo a esas capturas.

-Indo máis á celebración, as persoas que asisten a ela déixanse levar máis pola historia ou polas lendas arredor dos viquingos?

O certo é que estou rexistrando moitas reservas nestes días. A xente quere coñecer a festa e a Romaxe. É innegable que tivemos uns anos de “rexurdimento” a raíz da serie de TV ‘Vikings’ e outras produccións sobre esa temática. É un mundo que nos fascina a todos en parte polo romanticismo das travesías en barco, pola capacidade de someter os inimigos e as crenzas pre-cristiás até o século X ou XI. Ademais, é emocionante saber que aquí mesmo tamén tivemos unha achega desa cultura atlántica que en certa maneira se veu trasmutada na cultura cristiá actual.

ÚLTIMAS

Burela acolle cursos formativos para persoas estranxeiras e a preparación de probas oficiais

Burela acollerá dous cursos formativos dirixidos a persoas estranxeiras, organizados por Ecos do Sur....

ACISA integra hoxe os negocios da Praza de Abastos logo do acordo entre patronal local e Asociación de Praceiros

Acisa integra dende hoxe á Praza de Abastos de Ribadeo, tras a sinatura do...

O comité de empresa de Alcoa reclama unha reunión co Goberno ante a situación do sector do aluminio

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, pide unha reunión...

Conferencia ‘A cova de San Xoán Vello: novas achegas desde a arqueoloxía’ en Viveiro

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro mércores 22 de abril, ás 20:00 horas, na...