InicioOrientalA PontenovaTrescentos veciños da Pontenova denuncian o "abandono" que sofren por parte da...

Trescentos veciños da Pontenova denuncian o “abandono” que sofren por parte da Xunta

O alcalde, Darío Campos, e varios veciños reclamaron diante da delegación do goberno galego en Lugo a cobertura urxente das prazas no centro de saúde e melloras en infraestruturas educativas

Publicada o

- Advertisement -

Veciños da Pontenova xunto ao seu alcalde, Darío Campos, concentráronse este pasado mércores fronte á Delegación da Xunta en Lugo para visibilizar a “situación de abandono” que sofren no relativo aos servizos públicos de sanidade e educación.

A protesta, promovida polo alcalde socialista Darío Campos Conde e pola Asociación de Nais e Pais (ANPA) do CEIP da localidade, conseguiu reunir a máis de 300 persoas, segundo estimaron os organizadores, que esixiron solucións inmediatas “ante a deterioración dos servizos básicos no municipio”.

Na concentración estiveron presentes, entre outros, a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; a vicesecretaria xeral provincial e secretaria de Organización, Pilar García Porto; o alcalde da Fonsagrada, Carlos López; o alcalde de Castroverde, Xosé María Arias; así como outros representantes socialistas da provincia, que quixeron acompañar aos veciños na súa protesta. Tamén representantes do Sindicato Labrego Galego (SLG).

Con dúas pancartas á fronte, reclamouse a cobertura urxente das prazas de médico vacantes no centro de saúde, a redución das listas de espera –que actualmente superan os 15 días–, a recuperación da aula de Infantil suprimida no CEIP, e a mellora das instalacións do colexio, que presenta múltiples deficiencias estruturais.

O PSdeG lucense destacou que esta mobilización “reflicte a forza dun pobo que non se rende e o compromiso dun partido que permanece á beira da cidadanía cando máis o necesitan”.

“O respaldo da xente demostra que A Pontenova non está soa: hai un pobo mobilizado e un partido decidido a defender uns servizos públicos dignos”, afirmou o alcalde.

O PSOE insta á Xunta de Galicia a actuar con responsabilidade e a responder de forma inmediata a estas reivindicacións. “Falar de igualdade é garantir tamén servizos públicos de calidade no rural”, concluíron os socialistas.

Outro colectivo que participou na concentración foi o Sindicato Labrego Galego, que quixo mostrar o seu apoio “ante a grave situación que están a vivir tanto en sanidade como en educación” neste termo municipal.

Un medio rural vivo foi unha das demandas xerais que se presentaron este mércores en Lugo, nunha concentración na que tamén participaron os escolares afectados polos recortes.

ÚLTIMAS

A alcaldesa de Barreiros pide aplicar o “Modelo Muras” para as compensacións polo parque eólico Mondigo

  A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, adiantou hoxe, tras coñecer o anuncio feito pola...

A ampliación do Hospital da Mariña avanza con 33,5 millóns e máis espazo en urxencias, UCI e consultas

O Hospital Público da Mariña continuará coa súa ampliación a través das fases 2...

Convenio entre Viveiro e Portos de Galicia para ordenar o tráfico na rúa Porto de Celeiro

O Concello de Viveiro e Portos de Galicia asinaron un convenio de colaboración...

Ribadeo contará cun novo solo residencial para 300 vivendas, a maioría protexidas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a delimitación dun novo ámbito...