-Cales son as principais notas destacables na edición do Ribadeo Indiano de 2025?
O Ribadeo Indiano de 2025 é o máis grande feito até o momento. Por que? Pois porque está pensado para todos incluíndo os máis pequenos. Isto reflíctese nun libro dos Bolechas sobre o Ribadeo Indiano. Con todo iso faremos actividades para os nenos que comezarán este domingo pola tarde. Haberá música, baile, moito dinamismo, unha visión de Ribadeo desde o que son as visitas guiadas pola vila, da cultura e a arquitectura ribadense.
-Cal foi a orixe desta celebración arredor dos inidanos, os emigrantes retornados que volvían exitosos da súa emigración?
Hai dez anos tanto desde ACISA como desde o Concello quixeron facer unha reivindicación histórica do que foi Ribadeo e de todas as experiencias que absorbeu. Esta é unha vila que viviu do comercio e das experiencias que traían esas persoas que volvían desde Argentina, Cuba, México ou Urugay. Esta xente entregaba por así dicilo, parte do seu capital a Ribadeo e isto orixina unha arquitectura indiana na vila que se foi poñendo en valor durante estes anos. Na presente edición o que buscamos é render unha homenaxe ao indiano que entregou parte dese capital dedicándoo á filantropía como a figura de Ramón González. A figura de González e da súa muller, Corona, motivou o irmandamento entre Ribadeo e O Porriño. Entregaron parte do seu capital para o crecemento de Ribadeo en materias como a educación.
-Por que este irmandamento co Porriño?
Dona Corona, muller de Ramón González, era do Porriño.
-O pregón deste 2025 será lido por Martín Vizoso e ademais tamén se presentará un libro de Celia Castro sobre a figura de Ramón González. A presentación do libro será o mesmo día do pregón?
Non, a presentación do libro ‘Ramón González e Corona González Santos: Un matrimonio de filántropos’ presentarase o sábado no Cine Teatro ás 11:30.
-Se lle pedise un cálculo sobre as persoas que poden pasar por este X Ribadeo Indiano que respondería?
Son malo facendo uns cálculos a ollo, aínda así creo que poderán visitarnos máis de 30.000 persoas porque xa no concerto se achegarán unhas 12.000 persoas.
-Isto desde logo suporá para Ribadeo, para a súa industria de servizos unha ocasión moi importante.
Toda a hostalaría verase favorecida polo Ribadeo Indiano. O impacto desta celebración na vila superará os tres millóns de euros o que supón un beneficio para todo o tecido empresarial hostaleiro e de servizos.
-A organización deste evento suporá tamén tomar medidas especiais, sobre todo no referente á circulación.
Cun evento cultural destas dimensións haberá cortes na Rúa San Roque, no parque por seguridade tamén o pecharemos para evitar problemas entre a circulación de persoas e vehículos. Estes cortes de tráfico son necesarios porque estamos falando dun evento moi de rúa, moi de pasear e por tanto hai que tomar precaucións.
-Cal é a percepción que queda nos visitantes?
O Ribadeo Indiano é Ribadeo, a súa arquitectura, o coidado do noso patrimonio arquitectónico, cultural e ademais eses días iremos caracterizados con vestimentas da época indiana. Ademais, debemos lembrar que formamos parte dunha rede de concellos indianos coa que celebramos actividades conxuntas e reunións de cara a desenvolver máis iniciativa.
