InicioMovementos SociaisPedro Cabarcos, un dos autores da pancarta no Hospital de Burela: "a...

Pedro Cabarcos, un dos autores da pancarta no Hospital de Burela: “a imaxe non é inocente”

Pedro Cabarcos foi profesor de Bacharelato Artístico. El, xunto con Adri Pardo e Neira Brochs, crearon a pancarta que a Xunta de Persoal e usuarios do hospital de Burela colgaron nas instalacións hospitalarias. A súa actuación foi un chamado para que se solucionen os problemas no Hospital da Costa, que haxa persoal, que non haxa derivacións e que se poida atender con dignidade ás persoas. Cousa que reclama para todos e todas e para darlles voz realizou unha mensaxe usando imaxes que falaban.

Publicada o

- Advertisement -

-Foches profesor do Bacharelato de Artes en Burela, mais que anima a un cidadán cunha certa sensibilidade artística a realizar unhas pancartas artísticas para colocar no Hospital de Burela?

Evidentemente a saúde, pois como usuario do Hospital da Costa teño pasado por moitas listas de espera e xa levo na Mariña trinta e pico de anos. Durante ese tempo fun vendo como se deterioraba a atención do hospital, podo dicir que esperei por unha operación de cadeira oito meses. A primeira vez cando xa estaba ingresado enviáronme de volta para a casa. O deterioro vén dunha xestión que non se está facendo de maneira axeitada, no sentido que A Mariña debe ter un hospital á altura das nosas necesidades. Por tanto, o primeiro motivo para axudar a reivindicar solucións para os problemas que temos coa sanidade. Quería visibilizar a reivindicación do persoal do centro hospitalario de Burela e visibilizalo cunha cousa concreta. A arte é unha maneira de visibilizar esas carencias sanitarias que sufrimos nesta comarca.

-A arte pode ser unha arma perigosa ou polo menos molesta, porque aos cinco minutos xa retiraron as pancartas.

Ti sabes que calquera imaxe ten unha interpretación subxectiva, a imaxe non é inocente mais nós inocentemente pintamos algo alí. Queriamos visibilizar a protesta que leva adiante todos os días o persoal hospitalario que son quen coñecen todos os problemas que suceden e estamos a sufrir. A interpretación subxectiva desa imaxe, se ti non tes a base “de culpa” en relación a esa crítica, non tes porque retirar esa pancarta, podo estar de acordo ou non coa visibilización mais interpretativamente a base é inocente. Cando se retira é que está servindo para esa reivindicación, a unha razón da reivindicación, sobre todo. O que nos leva a facer este tipo de cousas non é a senrazón nin a política porque a saúde non ten cores políticas e se non temos saúde non temos nada. Nestes momentos creo que temos un deterioro moi grande na xestión da saúde, non cando te atenden. Fun operado da cadeira, estou moi ben, a miña médico de cabeceira é alguén con quen teño confianza médica como para dicirme que facer e que non, mais os problemas son os tempos. Isto é moi importante, os tempos, eu estiven tres anos sen médico de familia despois de que se xubilara o meu anterior médico. Por tanto, creo que teño razóns abondo para queixarme como cidadán o mesmo que outra persoa de Lugo, A Coruña e outros lugares, non sei como terán os seus tempos alí mais o mal de moitos non é consolo de pampos.

-Logo de retirar a primeira faixa colocouse outra de cor negra representando loito pola retirada da primeira. Isto considéralo represión contra a expresión libre das persoas?

Primeiro, para min representa unha ignorancia total sobre o que é na arte actual entre o que é unha pancarta e unha obra de arte. Desde Andy Warhol todos os obxectos desde unha lata de conservas até un cartel é unha obra de arte, non é cartelismo como dixo a dirección do hospital. Iso non era cartelería, tanto ten que estea sobre unha lona, sobre unha pedra ou unha parede. Esa pancarta realizámola tres persoas que nos dedicamos á imaxe artística e desde o primeiro momento que iso sucede a propiedade intelectual é nosa, e segundo, nós cedemos esa propiedade á xunta de persoal. Por tanto, están utilizando unha obra de maneira ignorante e con consecuencias legais, evidentemente, porque ti non podes manipular a propiedade intelectual doutra persoa como a ti che veña en gana. Non podes chamar pancarta a algo que está pindado, aínda que só sexa con letras mais a acción da arte contemporánea pode lerse minimamente. Podemos ver todos os días que calquera acción artística ten esa consideración de artística ou doutra consideración, por tanto, non se pode manipular de calquera xeito.

-Aínda así, as tres persoas que creastes a pancarta considerádela tamén propiedade de todos e todas?

Si, evidentemente. A primeira idea que falamos coa Xunta de Persoal desde o punto de vista artístico era primeiro colgar, logo deixar para que se deteriore e por último rachala se non había solucións aos problemas da sanidade no hospital. Queriamos visualizar dunha maneira artística o que sucede coa nosa saúde porque se tratamos a arte como tratamos a saúde é moi posible que os museos estivesen baleiros. Non habería museos, porque nos museos hai conservación e coidados sobre aquilo que nós podemos gozar. Algo que parece inútil na sociedade actual mais ten utilidade porque canaliza emocións das persoais, subxectivas e colectivas.

-Tamén se falou de intento de manipulación política a través da pancarta.

Toda acción humana é unha acción política, empezando pola dirección do centro, é política porque está xestionando unha administración desde un goberno. Por tanto, se un político diga que a pancarta é unha acción política é de risa. Se hai algo claro e que non ten ideoloxía é a saúde, se hai outra cousa clara é que a arte tampouco a ten. A arte é universal, non hai intención ningunha máis que a de pertencer á acción do momento, non hai unha planificación para colocar unha imaxe que moleste. Se a imaxe molesta é porque para a persoa que a ve ten unha mensaxe de molestia para a persoa observadora. Cando se fai algo como isto non se fai para molestar, faise para mostrar unha sensibilidade emocional que temos nun momento dado nacido das nosas experiencias no hospital, somos sufridores da situación que vén padecendo o centro hospitalario. Falar de manipulación ou carácter político é querer desmontar unha acción cidadá relacionada cun malestar razonado e vivido nas propias carnes. Non é unha situación que poda inventar, se teño médico de familia non podo dicir que non teño médico, se teño que operarme e son operado en tempo e forma non teño que operar oito meses pola operación. Levo seis meses por dúas consultas. Ao mellor ás persoas que xestionan a saúde lle interesan máis os números que a saúde. En seis meses pode pasarme calquera cousa cando. Non se me pode dicir que como usuario do hospital teño unha intencionalidade política, busco o bo funcionamento do servizo de saúde. Ademais, non milito en ningún partido, tanto me ten quen estea no goberno mais si debe responsabilizarse da súa xestión. Eu uso a pintura para denunciar unha situación que vivo igual que os meus compañeiros.

-Vas continuar adiante até que atendan as peticións do persoal e usuarios?

Claro, vou apoiar todas as mobilizacións da Xunta de Persoal porque eles son os que están directamente en contacto co uso que facemos do hospital. Por tanto, canto se me pida para a mellora da atención hospitalaria aí estarei. A min non me baixan os impostos en compensación polo que tardan en atenderme, aínda máis, son penalizado se fago cousas pola miña conta como desprazarme até Lugo, quero dicir, pago impostos e desprazamentos e estancias nunha cidade a 100 quilómetros da miña vivenda. Non quero ver como me normalizan esas cousas, non quero que me traten de pampo senón que me traten como persoa. O SERGAS ten toda a información relativa á miña saúde ademais das miñas reclamacións. Pasei un mes para facer unha analítica e todos os días ía ao centro de saúde para cubrir un papel conforme cada día que pasaba eu estaba exposto a calquera cousa por non facer a analítica, os papeis están aí no Centro de Saúde de Viveiro.

ÚLTIMAS

Ramiro Fernández: “Burela é un punto privilexiado para a observación ornitolóxica”

+ -Por que Burela decidiu apostar por novas vías turísticas na vila como, por exemplo,...

Trabada inicia as obras do circuíto pump track no seu complexo deportivo

O Concello de Trabada vén de iniciar esta semana as obras de construción dun...

O Concello de Foz anuncia aglomerado no vial das Torres esta semana

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica que o novo vial das Torres vaise...

‘Os Bolechas no Ribadeo Indiano’ abre a participación dos máis pequenos nesta celebración

Os Bolechas no Ribadeo Indiano é o título do libro presentado esta tarde no...