-Como nace a idea de montar a ‘Conservera’ e xustamente nese espazo en Celeiro?
Hai anos que xa tiña en mente montar algo neste lugar. Ademais, antes tamén facía traballos para o Resurrection Fest e tiña un contentor preparado como cociña. Deixei de traballar para o festival e como aínda tiña ese contentor pois falei co dono da nave, só quería facer unhas cousas normais para o verán. Logo apareceu o patrocinador propoñendo un proxecto novo que querían levar adiante: Bigcraft Estrella Galicia. Desta maneira, o propietario da nave e máis eu decidimos materializar a idea. Aínda que xa che digo, en principio ía ser para facer catro concertos no verán e pouco máis.
-Dunha proposta para o verán agora pasou a ser unha proposta para todo o ano.
A idea é esa, seguir facendo cousas, sobre todo venres e sábado música en vivo. Tamén preparamos un mercado para o domingo 25 de maio con empresas da zona con postos de artesanía dentro da nave porque é moi grande. Xa tivemos outras iniciativas como foron presentación de libros e isto demostra que temos un espazo multicultural idóneo para presentacións e máis días de mercado. Esta última idea tivo moita aceptación entre os empresarios e xa temos dous domingos con postos diferentes dentro da nave. Haberá tamén demostracións de palilleiras ou floristas. Agora no verán queremos ser diámicos para que logo no inverno ‘Conservera’ se converta nun espazo onde a xente pode contar con distintas iniciativas como actuacións, sempre que se poida, claro.
-As actuacións son en vivo ademais de Djs. Con todo, ‘Conservera’ aposta por algún estilo concreto?
Non temos un estilo definido. Aquí ten habido música alternativa de todo tipo, imos ter un grupo que fai ‘covers’ de Extremoduro, tamén viñeron outros grupos de diferente rexistro, mesmo un cantante de country e tamén haberá blues e jazz. Non queremos quedar nun único estilo mais a clientela que vén está entre os 30 e 35 para arriba. Logo os Djs están enfocados á clientela do momento.
-‘Conservera’, polo que describes, é como unha aventura.
Máis que aventura é un risco, mais consideramos que deberiamos arriscar pois unha iniciativa así faltaba en Celeiro e Viveiro e, desde logo, na Mariña. Era necesario un espazo deste estilo para acoller actuacións cada vez mellores. De momento non cobramos entrada mais co tempo cando se traia algo potente a sala está capacitada para facelo.
-Para o mes de xuño tedes pechada algunha actuación?
O día 21 de xuño teño pechado co club de motos Martelos para facer un evento benéfico, porque a sala pode acoller tamén eventos privados. Podemos dividila en dúas zonas e grazas a iso poderemos celebrar festas privadas, aniversarios e outros eventos. Pretendemos darlle un novo aire ao lugar e sobre todo de cara ao inverno que é o gran reto.
-Durante o verán haberá outros encontros como o Resurrection. De que maneira ides compaxinar ‘Conservera’ con outros encontros?
Tiven algunha reunión coa xente do Resurrection para temas dos accesos, mais nós seguiremos coas nosas actividades. Probablemente, luns e martes de “Resu” igual facemos actuacións en vivo enfocadas ao público que veña eses días.
-Que outras actividades che gustaría repetir máis no tempo?
Actividades de música porque estamos enfocados niso e con food trucks. Digamos que é un festival dentro dunha nave e a idea é esa. Tampouco descartamos outros eventos como monólogos sobre todo de cara o inverno, mais o principal é a música en vivo, dar a coñecer grupos emerxentes da zona e mesmo chegar a acordos con conservatorios mais aínda estamos arrincando.
