InicioSen categoríaExpomar pecha as súas portas por este 2025 cunha alta participación

Expomar pecha as súas portas por este 2025 cunha alta participación

Publicada o

- Advertisement -

As XXXII Xornadas Técnicas e unha xornada informativa do IGAPE completaron as actividades da Feira Expomar o venres. O acto de clausura do sábado adianta o seu horario ás 18:30.

As 32ª Xornadas Técnicas de Expomar completáronse na mañá do venres 9 de maio abordando temas de interese xeral como a sustentabilidade, a saúde, a socioeconomía e o consumo de peixe.

Abriu a sesión Edita Pereira, xefa de servizo de estudos de CEOE e membro do Consello Económico e Social (CES) e do Consello da Produtividade de España, remarcando a xeopolítica como epicentro do mundo actual.

A continuación, José Luis Santiago, técnico da área de Socioeconomía da Pesca do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), defendeu a pesca como motor económico e social, no seu relatorio “Redes que sosteñen territorios”.

Pola súa banda, Javier Botana, peixeiro divulgador de Peixarías Coruñesas coñecido mediáticamente como “Capitán Agallas”, abordou o tema da comunicación e as redes sociais, diante das que “calquera sector illado vólvese débil e vulnerable”.

E finalmente, Miguel Angel Lurueña, divulgador científico autor de “Gominolas de Petróleo”, centrouse na saúde e nutrición, presentando o peixe como un alimento nutritivo, saboroso e… seguro?.

Esta segunda xornada estivo moderada por Álex Rodríguez, secretario do Consello Consultivo de Frota de Longa Distancia LDAC.

Xa pola tarde, a zona de presentacións do recinto feiral de Expomar acolleu a xornada informativa “Axudas e apoio do IGAPE para empresas galegas”, que correu a cargo de Isaac Rosón Sánchez, director da área de Innovación do IGAPE.

Este sábado 10 de maio clausúrase a vixésima edición da Feira Expomar cun programa cargado de actividades, que se inician ás 12:00 cun espectacular ronqueo dun peixe espada de 130 quilos de peso patrocinado por INTERFISH-España e realizado por expertos da empresa Matrice Tuna, que explicarán a arte do despezamento cunha técnica que combina a destreza, o respecto polo produto e o compromiso coa sustentabilidade. A continuación do ronqueo, OPP-7 Porto de Burela ofrece unha degustación gratuíta de receitas de peixe espada da súa frota de palangre de superficie.

Pola tarde, ás 17:00 terá lugar o acto de presentación da “Rede de Turismo Pesqueiro de España”, da que a Fundación Expomar é unha das súas promotoras, coa participación de representantes da propia Fundación Expomar, do Concello de Burela, da Administración Central, da Consellería do Mar, da Federación Nacional de Confrarías e doutras entidades que tamén forman parte deste proxecto, como o Consorcio Turismo Huelva, a Asociación de Redeiras da Guarda e Pesca Turismo de Sanxenxo.

Finalmente, aínda que o recinto feiral seguirá aberto ata as 20:30, o acto de clausura de Expomar 2025 adianta o seu horario ás 18:30 como un xesto de apoio ao clube deportivo Burela fútbol sala, cuxo equipo masculino xoga ás 19:30 no pavillón Vista Alegre unha partido clave para lograr a súa permanencia en Primeira División fronte ao Pozo Murcia.

O acto de clausura está presidido pola presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, e o conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares.

ÚLTIMAS

Fóra de perigo o mariñeiro que sufriu hipotermia tras caer no porto de Celeiro

Un mariñeiro que caeu ao mar á altura da lonxa de Celeiro, no municipio lucense...

Ramiro Fernández: “Burela é un punto privilexiado para a observación ornitolóxica”

+ -Por que Burela decidiu apostar por novas vías turísticas na vila como, por exemplo,...

Trabada inicia as obras do circuíto pump track no seu complexo deportivo

O Concello de Trabada vén de iniciar esta semana as obras de construción dun...

O Concello de Foz anuncia aglomerado no vial das Torres esta semana

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica que o novo vial das Torres vaise...