InicioEconomíaA Deputación de Lugo reclama a Alcoa a construción do forno de...

A Deputación de Lugo reclama a Alcoa a construción do forno de ánodos

Este punto recóllese entre os compromisos da multinacional para manter a produtividade na factoría de San Cibrao e a súa competitividade

Publicada o

- Advertisement -

O pleno da Deputación de Lugo acordou este martes apoiar aos traballadores de Alcoa na súa demanda de construción dun forno de cocción de ánodos, necesario para a fabricación de aluminio, e comprometido cos traballadores para garantir a viabilidade da planta de San Cibrao. A través dunha moción socialista, e despois dunha xornada dura para a factoría tras horas sen subministración eléctrica, o tres grupos votaron de forma unánime.

“Estamos preocupados porque cumpran con ese acordo que Alcoa asinou cos traballadores e que auspiciou o Goberno de España para o rearranque de todas as cubas”, afirmou o presidente da Deputación, José Tomé Roca.

Durante a presentación da moción, a portavoz socialista, Pilar García Porto, explicou que na Mariña fan falta 132.000 ánodos ao ano, uns eléctrodos que agora mesmo Alcoa está a importar desde China tras a demolición do forno vello, “o que xera unha vulnerabilidade que suma novas incertezas nos traballadores”.

García Porto lembrou que o forno de cocción de ánodos “era un dos puntos de mellora recollidos no acordo de febreiro de 2023” e puxo en valor os beneficios netos obtidos pola factoría en 2024, de 57 millóns de euros, e duns 500 millóns no primeiro trimestre do 2025.

“Defendemos desde o primeiro momento a continuidade da actividade en San Cibrao, apoiando as reclamacións dos traballadores”, dixo a deputada. Por iso, na moción reclaman que as administracións convoquen a mesa de seguimento do devandito acordo; que se facilite mediante financiamento público, de forma inmediata, o investimento na obra do forno de cocción de ánodos; e que a SEPI e o IGAPE se faban cargo da factoría de San Cibrao se a empresa non cumpre co acordo de viabilidade.

Pola súa banda, o deputado provincial do BNG Daniel García reclamou a PP e PSOE “seriedade” para executar desde a Xunta e desde o Goberno do Estado os acordos que recolle a moción coas demandas que o comité de empresa trasladou ao BNG nunha reunión mantida o pasado 21 de marzo. “O que temos diante é un problema de incumprimento do acordado, tanto por parte da Xunta e do Estado como por parte de Alcoa”, remarcou o deputado mariñán.

POLÍTICA ARANCELARIA DOS EEUU

O pleno sacou tamén adiante outra moción do PSdeG na que pide á Xunta que poña en marcha un plan de medidas de apoio para os sectores máis afectados pola política arancelaria de Estados Unidos “que inclúa a mobilización de fondos e a apertura de novos mercados”.

O texto saíu adiante a pesar dos votos en contra do PP. Pilar García Porto dixo que esta iniciativa axudaría a paliar os efectos que se están producindo en sectores como o vinícola, agrogandeiro e industrial.

Explican na moción a necesidade dun plan que harmonice novas medidas coas xa aprobadas polo Goberno do Estado e que inclúa a mobilización de fondos, axudas non reembolsables para as empresas máis afectadas, un plan específico de apertura de novos mercados e, ademais, que a Xunta acepte as ofertas de colaboración feitas polos partidos da oposición para colaborar no deseño do devandito plan.

ÚLTIMAS

Fóra de perigo o mariñeiro que sufriu hipotermia tras caer no porto de Celeiro

Un mariñeiro que caeu ao mar á altura da lonxa de Celeiro, no municipio lucense...

Ramiro Fernández: “Burela é un punto privilexiado para a observación ornitolóxica”

+ -Por que Burela decidiu apostar por novas vías turísticas na vila como, por exemplo,...

Trabada inicia as obras do circuíto pump track no seu complexo deportivo

O Concello de Trabada vén de iniciar esta semana as obras de construción dun...

O Concello de Foz anuncia aglomerado no vial das Torres esta semana

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica que o novo vial das Torres vaise...