-Despois de corenta e cinco anos desta Festa da Troita, cales foron os cambios que foron dándolle carácter a este encontro?
Isto naceu logo dunha reunión entre un grupo de amigos que buscaban dinamizar A Pontenova, mais só pensaban nunha competición entre amigos. Co paso do tempo aumentou o interese en xente de fóra da Pontenova e así fóronse achegando máis persoas doutros lugares. En paralelo foi aumentando o nivel dos participantes até o punto de termos campións do mundo participando nesta competición.
-Cando fala de campións do mundo iso inclúe xente de aquí, do resto de España e doutras partes.
Exactamente, este ano temos a dous franceses, Pascal Cognard, quen foi tres veces campión do mundo en individual e por equipos, tamén estará o capitán da selección francesa que é Said Yahiaoui Mohamed. Estará Pablo Castro Pinos, tamén campión de Europa e campión do Mundo. Tamén estamos interesados na participación de Raquel Cabeza, unha pescadora que participa tamén na elite.

-Que características reúne a troita do Eo en comparación cos exemplares procedentes doutros ríos veciños?
Aquí temos troita, salmón e reo, os tres son salmónidos e esta combinación de peixes só se dá no norte da Península, logo, se vas cara o Sul, xa vai desaparecendo algunha especie, mais a nós o que nos representa é a troita e o salmón. O reo é unha troita que ten o mesmo comportamento que o salmón, nace no río e aliméntase no mar e logo sobe polo río arriba para reproducirse.
-Dentro da Festa da Troita existen diferentes niveis de competición cando se pesca?
Existen tres concursos. O primeiro é o de salmón, un concurso con morte. Logo está o concurso de lance, tamén é un concurso con morte, a esta competición chamámoslle “popular” porque leva 45 edicións. A pesca de salmón vai pola decimo primeira edición e por último a de mosca, esta sen morte, leva dezasete edicións. Teño que dicir dun concurso da especialidade con “morte” fomos metendo outras modalidades para darlle máis amplitude e recoñecemento.

-Este ano o pregón vaino ler o expresidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla. Sábese da súa grande afección pola pesca mais é esta a única razón para estar aí o Día da Festa?
Efectivamente, Miguel Ángel Revilla é moi afeccionado á pesca ademais de que a súa muller ten raíces na Pontenova, do lugar de Conforto, ao pé da vila. Non creo que o señor Revilla participe, aínda así buscarémoslle un lugar onde poida pescar, divertirse e coñecer o río Eo.
-Actualmente as condicións ambientais do Eo, río arriba, son óptimas para manter as especies autóctonas?
O río Eo a penas ten contaminación, iso soubémolo grazas a un estudo realizado hai catro anos pola Estación de Hidrobioloxía de Vilagarcía e os resultados apuntaban a unha moi escasa contaminación. Isto débese á pouca industria que ten nas beiras. Hai uns índices algo elevados xunto á depuradora, abaixo da Pontenova, mais o resto está en boas condicións. O problema está na falta de alimentación para o peixe do río, isto débese ao abandono do rural pois agora son escasos os saltóns, as miñocas e logo está a irrupción de especies invasoras como o corvo mariño. Esta ave ten máis doado comer peixe no río que no mar, por iso se achega até aquí.
-O Día da Festa que se fai con todos os exemplares pescados?
Faise unha comida con todas as persoas que nos axudan todo o ano a levar adiante a festa e outros eventos.
