InicioEconomíaO futuro da Mariña: unha historia aínda sen argumento

O futuro da Mariña: unha historia aínda sen argumento

O anuncio de Alcoa para vender a factoría situada na Mariña luguesa chegou nun momento de posta en marcha das cubas, co compromiso de crear un forno de ánodos e proxectos eólicos no mar para subministrar enerxía. De súpeto, as intencións de vender por parte da multinacional norteamericana enfriou as posibilidades que abrían os acordos entre traballadores e empresa. Agora, 70.000 persoas en toda a cormarca esperan que en xuño alguén decida comprar a fábrica, mentres tanto, que futuro pode esperar á Mariña?

Publicada o

- Advertisement -

Alcoa anunciaba que paralizaba a construción do forno de cocción de ánodos, un dos compromisos recollidos no acordo co comité de empresa para a viabilidade da factoría situada entre Cervo e Xove. O número de traballadoras e traballadores prexudicados serían 500. En abril a multinacional deixaba coa boca aberta a todas as institucións públicas, persoal e xente da comarca: quere vender as instalacións e en xuño de 2024 é posible que teña un comprador. Desde o Goberno central dubidan da posibilidade de amañar unha venda en menos de tres meses, desde o cadro de persoal as dúbidas son moitas e os temores tamén. Con todo, cales serían as posibilidades que quedarían na comarca nun futuro sen fábrica de aluminio? Hai quen decide apostar pola continuidade da empresa, quen fala de xogo perverso desde a multinacional e quen cre que a intención seguirá para adiante. Que futuro espera na comarca?

Planta de Alcoa en Lugo

Planta de Alcoa en Lugo | Fonte: elnuevofarodetapia.blogspot.com


SECTORES FORZA?
Hai unha serie de sectores á parte da factoría alumineira que poden, até certo punto, soster economicamente a comarca aínda que algúns son estacionalmente dependentes. Quizais o máis forte a día de hoxe sexa o sector turismo onde varios concellos investiron con forza, sobre todo en verán. Por outra parte, os sectores primarios (agricultura e pesca) aínda que con presenza importante, non supoñen nichos de emprego atractivo para a maioría das novas xeracións ante a incerteza dos mercados, os prezos baixos dos produtos e o alto custo dos insumos.

construción necesita man de obra, mais se xa houbo unha forte desescalada na crise de 2008 en diante, hoxe, aínda que as condicións como son o SMI ou seguridade laboral melloraron, non existe un dinamismo que faga atractiva esta área de emprego.

O sector industrial fóra de Alcoa, mostra algúns síntomas de recuperación como foi o caso de Vestas en Viveiro. Primeiro, dun peche desta planta de motores eólicos a despois converterse agora nun centro loxístico e de formación. A isto súmase a disposición de polígonos industriais aínda que nalgúns os prezos do chan non resultan atractivos para a instalación de novas empresas.

Por último, o sector forestal ten na comarca unha presenza máis que notable sendo o territorio coa masa de eucaliptal máis densa de Galicia. Unha parte importante vai parar á planta procesadora de Navia, aínda que tamén se exporta a Euskadi, Portugal e países do Centro e Leste de Europa. Mais todo isto pode ser abondo?

UNHA BREVE ANÁLISE
A preocupación é evidente cando falas con persoas relacionadas co sector terciario, sobre todo comercio e hostalaría. “Moitas familias pararon proxectos de futuro ante a incerteza existente, estamos falando de perdas en ingresos para toda a comarca ademais da intranquilidade que dá todo isto cara ao futuro” di José Paleo de ACIAFOZCCA. Carme Cruzado, de ACIA Ribadeo analiza: “Se os postos de traballo se manteñen, a maioría poderiamos respirar tranquilos na comarca mais se perdemos postos sería negativo para todos os sectores da Mariña e habería zonas que se resentirían máis que outras, pero sería algo moi malo para todos”.

O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA), Álvaro Doural, con experiencia na formación tanto en mecánica e especializacións como soldadura resalta que “hai demanda de man de obra en reparación de vehículos e na construción mais non son cubertos e isto fai que algunhas empresas abandonen traballos”. Preguntado por outras posibles potencialidades, Doural remarca que “o sector primario aquí é moi potente mais non hai man de obra abondo e tamén está actualmente o turismo”.

Sobre isto último, a Federación de Comercio da Mariña (FECAM), concellos, Mancomunidade e outros organismos “levan traballando desde hai tempo nesta área desde hai anos e pouco a pouco isto vai dando froitos nas pontes festivas, no verán ou na Semana Santa”.

As infraestruturas son un tema pendente, necesitamos novas estradas, un porto exterior que permita enviar exportar e tamén a potenciación do ferrocarril, porque nestes aspectos estamos illados” sinalan desde Viveiro Centro Comercial Histórico (CCH). Isto máis poder instalarse en polígonos industriais con prezos asequibles para o chan, axudaría a incorporar máis empresas dentro do tecido industrial da comarca.

En definitiva, os temores ante as accións da multinacional Alcoa e as consecuencias a curto e medio prazo teñen atemorizadas ás persoas que viven directa ou indirectamente desta factoría. Se ben había proxectos eólicos que alimentarían con enerxía eólica a factoría, os futuros parques eólicos tanto mariños como terrestres parecen estar nunha situación de parálise momentánea. Só en menos de mes e medio (xuño de 2024) sería posible coñecer o resultado do último anuncio da multinacional de Pittsburg.

ÚLTIMAS

Alcoa analiza ofertas non vinculantes de posibles compradores

Alcoa atópase analizando ofertas non vinculantes de "potenciais interesados" recibidas polo complexo de San...

‘El Pequeño Nicolás’, absolto do delito de usurpación de funcións e suborno durante a súa viaxe a Ribadeo en 2014

O Tribunal Supremo (TS) acordou absolver a Francisco Nicolás Gómez Iglesias, coñecido como 'El Pequeño Nicolás',...

Remolcan ata Burela un veleiro francés con dous tripulantes

Un veleiro francés, 'Bleiz Ar Mor', con dous tripulantes a bordo, foi remolcado este...

O Concello de Foz envía un comunicado sobre a prestación do servizo da residencia

O Concello de Foz envía un comunicado de prensa sobre a prestación dos servizos...