O portavoz popular, Javier Castiñeira, denuncia que o alcalde, Fran Cajoto, incumpre o réxime de sesións e convoca os plenos “cando a el lle parece oportuno, sen contar para nada co resto dos grupos”.
Nun comunicado, os populares lembran que ao inicio do mandato municipal decidiuse que os plenos ordinarios se celebrasen con periodicidade mensual, o último xoves de mes. “Isto nos últimos meses non se está a facer, de tal maneira que xa é algo extraordinario que se celebren os plenos cando se teñen que celebrar, é dicir, o último xoves de cada mes”, denuncia Castiñeira.
O portavoz popular di que a situación que denuncia obedece única e exclusivamente “á conveniencia do equipo de goberno e do señor alcalde, “que non son capaces de organizarse e facer unha boa xestión”. Neste sentido, critica que este último xoves “non había orde do día e ninguén se fai responsable de cumprir o ordenamento”. Por iso, espera que o goberno municipal cambie de actitude.