A proposta presentada polo BNG para retirar o nome de Leopoldo Eijo Garay do rueiro de Burela, dados os vínculos do bispo co franquismo, xerou expectación no pleno deste xoves, con bastante público no consistorio burelés. Finalmente, a iniciativa dos nacionalistas non prosperou ao topar coa oposición de PP e PSOE.
Si o fixo a moción de substitución rexistrada polo equipo de goberno, que fixo valer a súa maioría absoluta, para a creación dunha comisión para catalogar os vestixios do franquismo no municipio, na que participarán representantes dos grupos políticos e tamén un historiador e o arquitecto municipal en cuestións de asesoramento.
O pleno evidenciou o dividida que está a opinión pública nesta cuestión e o polémica que segue a resultar a revisión do franquismo e a aplicación da Lei de Memoria Histórica, 43 anos despois da fin da ditadura.
“OS ARTÍFICES DO PORTO FORON OUTROS”
Os nacionalistas defenderon no debate que a súa proposta atendía a unha cuestión de “xustiza, liberdade e democracia” e cuestionaron as xestións que se lle atribúen ao bispo para a consecución do primeiro porto de Burela, no 1931.
os nacionalistas defenderon que “camilo fernández e josé antonio lestao foron os conseguidores do peirao”
O voceiro dos frentistas, Mario Pillado, sinalou que “o cronista de Burela, Ricardo Pena, recolleu que Camilo Fernández Díaz, expedientado no 1936 por razóns políticas, foi o verdadeiro conseguidor do pósito no 1923 e do peirao oito anos máis tarde, xunto con xente como José Antonio Lestao”.
O BNG incluíu en van unha enmenda de engádega á súa moción para que a rúa que actualmente se denomina Eijo Garay pasase a chamarse ‘Rúa das Redeiras‘, “na honra das mulleres dos mariñeiros, das que traballaron como redeiras e tamén nas conserveiras”.
“HAI QUE ESCOITAR Á XENTE DA RÚA”
A voceira do PP no pleno deste xoves, Diana Durán, sinalou que “o noso grupo pensa que temos que mirar cara o presente e o futuro” e que esta modificación “causaría problemas” aos veciños e aos negocios da rúa. Segundo o grupo municipal popular, o BNG presentou a súa moción pensando “que tiña a razón absoluta” e sen consultar á poboación. “Hai que escoitar á xente que se gaña a vida e o pan nesa vía”, insistiu.
llano afirmou QUE “NON HAI RELACIÓN DIRECTA ENTRE O recoñecemento E A DITADURA COMO OCORRE NOUTROS CASOS”
“NON HAI ACORDO NIN VAI HABELO”
Finalmente, o alcalde, o socialista Alfredo Llano, asegurou que “neste debate non hai acordo nin tampouco vai habelo”, polo que propuxo a creación da comisión “como forma de consolidar unha postura”. O rexedor sinalou que “hai que distinguir” entre “nomeamentos que tiveron unha relación directa coa vitoria do franquismo, como son os casos das rúas chamadas 18 de xullo, e outros recoñecementos, coma este, que foi un agradecemento popular”. Así, o primeiro edil avogou por ter “información” e non tomar “decisións en quente”.