O Bloque Nacionalista Galego (BNG) lamenta que a repetición da votación das pasadas eleccións municipais na mesa do Perdouro en Burela vaise producir “sen que a administración do Estado asegure as mesmas condicións para todos os electores, o que nos parece que incumpre a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e a lei electoral“.
“Dende as administracións públicas foron incapaces de asegurar o cumprimento da sentenza e da lei, pero no BNG seguimos adiante, mantemos a nosa convicción na defensa da veciñanza e do seu interese común. Todos e cada un dos membros da candidatura do BNG presentamos o noso compromiso de defender os intereses da veciñanza e asegurar o cambio real en Burela”, indicou o voceiro dos nacionalistas, Mario Pillado.
Para rematar os nacionalistas insisten en que agardan que se “respeten as normas do xogo democrático. Insistimos moito nesta idea porque cremos que é fundamental, despois de todo o acontecido en Burela tralas eleccións e tal e como se está a desenvolver a actualidade do Estado, que dende Burela demos un exemplo de democracia, que tódalas organizacións políticas a respetemos antes, durante e despois do 17 de novembro”, finalizou Pillado.
SEIS OPCIÓNS DE VOTO
Esta semana coñeceuse que a Xunta Electoral de Zona (XEZ) de Mondoñedo aceptou a renuncia individual dos candidatos de Compromiso por Galicia (CxG), polo que os votantes da mesa do Perdouro terán seis opcións de voto: BNG, PSdeG-PSOE, Burela Sempre, PP, Ciudadanos e Vox.
Nas pasadas eleccións municipais, o décimo terceiro edil da corporación foi para o Bloque, que sumou o terceiro concelleiro logo de que se desfixese o empate a votos con Burela Sempre -271- para acadar o último representante na corporación, tal e como establece a lei electoral. Foi xustamente este partido o que presentou unha reclamación trala perda de sete votos nulos que non puido contabilizar a XEZ.