InicioPolíticaBarreiros aproba a cesión da vía da Deputación nun pleno impugnado polo...

Barreiros aproba a cesión da vía da Deputación nun pleno impugnado polo BNG

Os nacionalistas presentan un recurso de reposición e acusa ao alcalde de "baleirar de contido" a sesión plenaria, mentres que o rexedor resalta que se aprobaron "melloras para o concello"

Publicada o

- Advertisement -

Nun pleno extraordinario celebrado o pasado luns, os votos do goberno local de Barreiros aprobaron a cesión ao Concello dun treito da estrada provincial LU-P-608, que vai de San Cosme a Trabada. O BNG impugnou a sesión plenaria, forzada polo grupo municipal nacionalista para debatir esa cuestión, ao entender que o alcalde infrinxiu a lei ao incluír a discusión dese pacto na orde do día detrás doutro punto adicado a validar a medida. Os nacionalistas presentaron un recurso de reposición porque consideran que a convocatoria é “nula de pleno dereito”.

A cesión da estrada, pactada polo Concello coa Deputación de Lugo, titular da vía, foi fonte de polémica nas últimas semanas. A través da voceira, Ana Ermida, os nacionalistas esixiron que o ente provincial arranxase ou financiase o arranxo do treito cedido, en mal estado de conservación. Pola súa banda, o alcalde barreirense, Alfonso Fuente Parga, asegurou que solicitou a titularidade do vial para axilizar a posta en marcha do parque eólico de Norvento, e que sería “a propia firma” quen se ocuparía das obras de mellora.

SUBVENCIÓN PARA MELLORAS NO CONSISTORIO

O BNG acusa ao alcalde de querer “baleirar de contido” o pleno ao “pretender que se debatise sobre as condicións da cesión dun vial unha vez o pacto fose aceptado”. Fuente Parga argumenta que a sesión plenaria “fíxose extraordinaria” para solicitar “unha subvención para realizar melloras na cuberta do consistorio. Saíron unhas axudas do Estado, tiñámolas tramitado e había que mandar o acordo plenario”, asegura o rexedor, que cifra o orzamento dos traballos en 66.000 euros.

Os nacionalistas afirman que “saltarse a lei non é algo que lle preocupe moito ao alcalde” e acusa ao rexedor de “insultar aos veciños” ao convocar o pleno desde Tenerife, nunha viaxe do grupo folclórico Arco da Vella. Fuente Parga, pola súa banda, fala de “pataletas” do grupo municipal do BNG, “porque iso é pretender suspender un pleno no que íamos solicitar e solicitamos unha subvención que beneficia a un edificio que é de todos”.

ÚLTIMAS

Foz acende este xoves 5 de decembro o alumeado de Nadal

O Concello de Foz ten preparadas moitas actividades e sorpresas para este Nadal, que...

Ribadeo comeza as obras de mellora da Estrada da Costa

Deron comezo as obras de mellora da estrada da costa, que suporán un investimento...

Lucía Freitas, galardaoada co Primeiro Premio Merlín polo proxecto “Amas da Terra”

A cociñeira Lucía Freitas é a gañadora da primeira edición do Premio Merlín polo...

Comezan as obras de mellora do punto limpo de Viveiro

A Tenencia de Alcaldía de Viveiro informa de que xa comezaron as obras de...