Os representantes do PP de Lugo no Senado apuntan que a información difundida polo senador do PSOE, César Mogo, responde a “interpretacións falsas ou interesadas da realidade”.
O pasado luns debatéronse seis mocións na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible no Senado aprobándose cinco. Entre esas mocións debateuse a presentada polo Grupo Parlamentario Popular para reclamar a instalación urxente dun sistema de balizamento láser co obxectivo de mellorar a seguridade viaria en condicións de visibilidade reducida no tramo da Autovía do Cantábrico (A-8) ao seu paso polo Fiouco. O PP remarca que “a iniciativa foi aprobada con 18 votos a favor (Grupo Popular e BNG) e 10 abstencións (PSOE e PNV)”.
A raíz disto, os ‘populares’ galegos negan “que o Partido Popular rexeitara no Senado a instalación da baliza láser no Fiouco”.
Desde as filas do PP aclaran que “resulta especialmente rechamante que o Grupo Socialista optase pola abstención nesta iniciativa e, posteriormente, difundise unha versión dos feitos que non se corresponde co acordado oficialmente na Comisión”.
