InicioPolíticaO PP insta ao Goberno central a instalar balizas láser no Fiouco...

O PP insta ao Goberno central a instalar balizas láser no Fiouco para mellorar a visibilidade

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, anunciou que se destinarán máis de 760.000 euros a actuacións de protección contra a contaminación acústica na LU-862 ao seu paso por Viveiro

Publicada o

- Advertisement -

O Senado instou ao Goberno central a instalar “de forma inmediata” un sistema de balizamento láser, “por ser a tecnoloxía innovadora testada para a mellora da seguridade viaria en condicións de visibilidade reducida” pola néboa, no tramo do alto do Fiouco, entre Abadín e Mondoñedo, na autovía do Cantábrico.

Esta proposta do PP saíu adiante na Comisión de Transportes do Senado celebrada esta tarde de luns, cunha emenda do BNG (Grupo Plural) que apoiou a moción. O PSOE abstívose tras non aceptarse a súa emenda.

A iniciativa tamén pide, de forma complementaria, ampliar a zona na que se atopan instaladas as balizas antinéboa que permiten guiar aos condutores en momentos de fenómenos de meteoroloxía adversa.

Igualmente, demanda reforzar os sistemas de control das condicións meteorolóxicas na A-8, “de tal maneira que se incremente a capacidade de detectar bancos de néboa especialmente intensos ou que xeran baixa visibilidade, aínda que se produzan en tramos máis reducidos”. Ademais, requírense “cantas medidas sexan necesarias para garantir a circulación” con seguridade.

Así mesmo, o PP, grupo maioritario na Cámara aceptou unha emenda do BNG para que, mentres non se acometan as melloras na A-8, establézase un terceiro carril na N-634 no tramo que funciona como alternativa ao peche do Fiouco.

DEBATE

Durante o debate, o senador popular José Manuel Balseiro advertiu que se non pode “normalizar” que esta autovía sexa “de segunda” e achaca a unha inacción do Goberno que non se puxo en marcha o balizamento láser que leva anos comprometido.

Aínda que valora que é “certo” que se reduciron as horas de peche nos últimos anos polas medidas tomadas, xa que as actuais balizas antinéboa “axudaron”, sostén que “son medidas parciais e insuficientes”, polo que a “sensación de perigo segue sendo enorme cando aparece a néboa”.

“O problema é que o Goberno de Pedro Sánchez leva anos atrasando unha actuación urxente”, censura Balseiro. Apunta que os radares na A-8 son os que “máis multas recadan de Galicia e de España”, con máis dun millón ao ano, pero di que non se inviste en seguridade. “Os atrasos empezan a parecer unha falta de respecto”, critica Balseiro.

A esta moción presentou unha emenda o PSOE na que se pedía axilizar a actuación, que non foi aceptada polos populares ao tachala de “tomadura de pelo”. O senador socialista César Mogo recoñeceu que “é verdade que leva atraso” o sistema láser, aínda que defende que “todas” as medidas de seguridade foron implantadas polo actual Goberno socialista, que leva un 80% das actuacións comprometidas.

A senadora do Bloque Carme da Silva coincidiu en que “é necesario porlle solución” a esta problemática, no canto de medidas “parciais”, xa que o Goberno xa falaba do balizamento láser en outubro de 2024.

INVESTIMENTOS DA XUNTA CONTRA A CONTAMINACIÓN ACÚSTICA

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, anunciou que se destinarán máis de 760.000 euros a actuacións de protección contra a contaminación acústica na LU-862 ao seu paso por Viveiro.

Tal e como trasladou a Xunta nunha nota de prensa, os traballos desenvolveranse en dous tramos da estrada autonómica, ao seu paso polo núcleo urbano, que suman 1,2 quilómetros. O primeiro deles arrinca no punto quilométrico 83+650 e conta con 1,3km, mentres que o segundo faino no 86+170 e é de 230 metros.

Así, abordarase unha “mellora funcional, urbana e ambiental” para alcanzar unha estrada “máis silenciosa, ordenada e segura”, co obxectivo de “reducir as emisións e mellorar as condicións da estrada e a súa integración nesta zona urbana”.

Desta maneira, as actuacións inclúen a renovación do pavimento, a reorganización da calzada e ordenación de aparcadoiros, así como a creación dunha glorieta.

Tamén, reducirase a velocidade a 40km/h para acougar o tráfico e mellorarase a sinalización. As empresas poderán presentar ofertas para este contrato ata o próximo 8 de xuño e os traballos terán un prazo de execución de 12 meses.

María M. Allegue puxo en valor esta actuación para seguir avanzando en estradas “máis seguras e sustentables”, co selo ‘Galicia Calidade’.

ÚLTIMAS

Morre un home en Foz por un incendio nunha vivenda da localidade

Unha persoa perdeu a vida este xoves tras producirse un incendio nunha vivenda situada...

Burela colabora co Bal y Gay para unha nova cita coa música clásica

O Concello de Burela colabora un ano máis co Festival Bal y Gay para achegar ao municipio unha nova cita coa música clásica. O vindeiro venres 14...

Primeiro parte da AEMET sobre o día da eclipse: Ceos nubrados no Cantábrico e litoral galego, con choivas no leste

O 12 de agosto, día da eclipse solar, será unha xornada marcada por unha...

Ribadeo prevé un aumento de 1.000 habitantes coas 300 vivendas proxectadas no PIA

O alcalde, Dani Vega, dixo que “tanto o Concello como a Xunta estamos a...