InicioOccidentalViveiroO BNG de Viveiro propón medidas para a integración urbana do Gadis 

O BNG de Viveiro propón medidas para a integración urbana do Gadis 

A voceira nacionalista, Iria Cotelo, puxo o acento na necesidade de que a concesión reverta realmente no conxunto da cidadanía: "Non se trata só de modernizar unha superficie comercial, senón de garantir que esta actuación mellore Viveiro e non agrave problemas existentes"

Publicada o

- Advertisement -

O BNG de Viveiro presenta alegacións a Portos de Galicia para mellorar substancialmente o proxecto presentado por Gadis para renovar as súas instalacións e prorrogar a súa concesión administrativa. A formación nacionalista valora positivamente a continuidade da actividade, e propón que esta vaia acompañada de garantías para o interese público.

“Valoramos positivamente o interese de Gadis por continuar e reforzar esta actividade comercial”, sinalan dende o BNG, “mais falamos dun espazo público e, por tanto, é imprescindible que o proxecto incorpore melloras que garantan un desenvolvemento equilibrado, sustentable e respectuoso coa veciñanza”.

Neste sentido, o BNG presenta as alegacións co obxectivo de “corrixir as deficiencias dun proxecto que, tal e como está formulado, non resolve nin a integración urbana nin o impacto sobre o comercio local”. A formación insiste en que “é necesario actuar sobre o edificio, o estacionamento e os accesos, así como protexer o emprego e a actividade da praza de abastos, situada a escasos metros”.

Un proxecto que debe responder ao interese xeral

A voceira nacionalista, Iria Cotelo, puxo o acento na necesidade de que a concesión reverta realmente no conxunto da cidadanía: “Non se trata só de modernizar unha superficie comercial, senón de garantir que esta actuación mellore Viveiro e non agrave problemas existentes”.

Cotelo advirte especialmente sobre o impacto laboral e comercial: “Se se introducen caixas de autocobro, hai que garantir o mantemento do emprego. É importante que a modernización non vaia asociada á precarización dos postos de traballo”. Ademais, engade que “é fundamental asegurar unha convivencia real coa praza de abastos e co comercio local, que forman parte da identidade económica e social de Viveiro”.

Humanizar un espazo cunha forte pegada visual

Un dos aspectos centrais das alegacións é a integración urbana e paisaxística dun ámbito especialmente sensible, pola súa proximidade ao casco histórico e pola súa visibilidade desde a ría.

“Actualmente a zona ten un aspecto claramente industrial, alleo á contorna na que se sitúa”, afirma Cotelo, “por iso propoñemos unha reordenación profunda do espazo exterior que humanice o entorno: eliminar elementos discordantes como o murete xunto ao paso de peóns, reducir a superficie asfaltada, reorganizar o estacionamento, retirar a cartelería de grandes dimensións e incorporar zonas verdes que melloren a relación coa contorna. Cada intervención en torno á ría e ao casco histórico debe contribuír a mellorar a imaxe de Viveiro”.

Máis calidade arquitectónica e menos impacto

A nacionalista lembra o proceso histórico de recuperación do litorial para abrir Viveiro ao mar, por iso considera insuficiente a solución proposta por Gadis para mellorar a edificación. “En Viveiro levamos décadas traballando para abrir a vila ao mar, eliminando construcións que rompían coa paisaxe. E en consoancia,  agora non vemos axeitada a reforma do edificio con panel sandwich pintado de vermello-alaranxado nunha zona urbanística e paisaxística a carón da ría, en plena entrada de Viveiro”

Por iso, o BNG propón unha revisión en profundidade: “É imprescindible replantexar a integración arquitectónica do edificio. Falamos dunha concesión en solo público, e iso obriga a ser máis esixentes: máis calidade, máis integración e máis respecto polo interese xeral de Viveiro”.

ÚLTIMAS

Cervo celebra o Día Mundial do Medio Ambiente coa comunidade educativa

O Concello de Cervo conmemorou este venres o Día Mundial do Medio Ambiente cun...

Ton Blanco: “En Galicia non houbo guerra, houbo unha represión e unha depuración moi duras”

-Coñécese ou tense información sobre o perfil das persoas que foron fusiladas e que...

Continúan os labores de extinción nun edificio de Ribadeo

Os equipos de Emerxencias continúan traballando na extinción dun incendio declarado hai máis de...

Burela leva a Feira do Bonito a Festur 2026

O Concello de Burela participa un ano máis en Festur, a Feira de Festas de Interese Turístico que se celebra no recinto feiral de...