O pasado 24 de febreiro, o pleno da Deputación Provincial aprobou por unanimidade e a instancias do BNG e de traballadores do GES unha proposta para abordar a situación do Grupo de Emerxencias Municipais (GES) de Cervo que se atopa pechado por decisión da alcaldesa de Cervo como consecuencia do incumprimento deste concello dunha sentenza xudicial que declara o incumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais. Nesa proposta unánime os grupos políticos da Deputación acordaron instar á Xunta, ás Deputacións provinciais e á FEGAMP a convocar con carácter urxente a Comisión de Seguimento do Convenio dos GES para tratar de xeito específico o peche do GES de Cervo, definindo as medidas necesarias para proceder á súa reapertura e garantir a cobertura efectiva da comarca da Mariña nos concellos de Alfoz, O Valadouro, Xove, Burela, Foz e Cervo, que son a zona de actuación deste GES.
Urxe que a Comisión de Seguimento dos GES se reúna coa máxima celeridade
Como desde o 24 de febreiro en que se adoptou este acordo, esa Comisión de Seguimento aínda non se reuniu, os concelleiros do BNG destes concellos levarán aos respectivos plenos esa mesma moción aprobada unanimemente no pleno provincial para que coa maior celeridade posible se reúna a Comisión de Seguimento para dar do convenio dos GES para dar solución ao de Cervo.
Na rolda de prensa desta tarde diante da sede do GES en Cervo, á que asistiron tamén traballadores de emerxencias, os concelleiros nacionalistas fixeron fincapé na necesidade de recuperar este importante servizo para a comarca.
A Mariña tén que recuperar este servizo xa
“Esta situación de peche indefinido do GES de Cervo é unha situación moi preocupante xa que está privando dun servizo importantísimo en materia de seguridade aos concellos de Cervo, Xove, O Valadouro, Alfoz, Foz e Burela, que suman máis de 30.000 habitantes, a maioría deles cunha importante actividade económica, pesqueira e industrial e outros maís rurais con pobloación maís dispersa, polo que é urxente recuperar este servizo para a comarca” manifestou Daniel García, deputado provincial que xa defendeu esta mesma moción no pleno da Deputación.
O PP deixou á Mariña sen grupo de emerxencias municipais
David Villares, concelleiro en Cervo referiuse tamén á situación que están a vivir os traballadores e traballadoras do GES. “É necesaria a reapertura inmediata do servizo de emerxencias e nas debidas condicións para os traballadores, para poder dar un servizo eficaz ao noso concello e aos concellos da zona. A xestión da alcaldía en todo este proceso foi caótica e o único que conseguiron foi pechar o servizo”, afirmou.
