O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, e representantes da formación mantiveron unha reunión co comité de empresa de Alcoa para abordar a situación da planta de San Cibrao. O BNG reclama ao Goberno “transparencia” para coñecer de forma pública a memoria de entendemento asinada coa empresa e desenvolver todas as actuacións necesarias que garantan a continuidade na Mariña.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia “falta de transparencia” na memoria de entendemento asinado entre a empresa, o Goberno e a Xunta. “Non é público e, ademais, non foi dado a coñecer ao comité de empresa, pero polo que se sabe implica non respectar os compromisos alcanzados cos traballadores e traballadoras en relación aos investimentos pendentes, especialmente a construción do forno de ánodos”, censura.
O BNG critica a actitude do Ministerio de Industria que “parece buscar unha saída coa empresa abandonando os traballadores e sen garantir a continuidade da actividade produtiva”. Alerta de que esta situación podería desembocar nunha desindustrialización parecida á xa vivida en Alcoa A Coruña e Alcoa Avilés, co peche definitivo das instalacións.
“O BNG entende que existen solucións viables para garantir a subministración de enerxía á planta mentres non se materializan as PPA (acordos enerxéticos a longo prazo) previstas”, afirma o deputado nacionalista.
Segundo os datos máis recentes sobre a produción eléctrica galega, máis de 40% da enerxía xerada na Galicia é exportada a outras comunidades, polo que “hai enerxía suficiente dispoñible para asegurar a continuidade da actividade”.
O BNG demanda ao Goberno unha rectificación e esixe un cambio de actitude en favor dos traballadores. “Debe obrigar a Alcoa a cumprir cos compromisos adquiridos, garantindo os investimentos necesarios para a viabilidade da fábrica“, subliña Rego. Neste sentido, o BNG propón ademais que o executivo explore mecanismos de financiamento, como a concesión de créditos retornables para asegurar que a empresa realice os investimentos comprometidos.
