InicioPolíticaMariña Gueimunde recibe o apoio de Por Viveiro para fixarse un salario...

Mariña Gueimunde recibe o apoio de Por Viveiro para fixarse un salario de 59.000 euros, un 35 % máis que a anterior alcaldesa

O PPdeG evita cuestionar a alza e augura que o "investimento" do custo salarial do novo goberno "será moito máis rendible para os seus veciños".

Publicada o

- Advertisement -

O pleno de organización do Concello de Viveiro, que se celebrará a próxima semana, levará como punto principal da orde do día, tras o seu paso pola comisión económica, a retribución salarial da nova alcaldesa, Mariña Gueimunde, do Partido Popular, que se fixará unha retribución de 59.000 euros anuais. Este salario supón un 35 % máis do que cobraba a anterior rexedora, a socialista María Loureiro, que era de 43.500 euros. A medida será ratificada na votación plenaria polos dous concelleiros de Por Viveiro, tal e como anunciaron na comisión.

Xunto á alcaldesa, haberá outra única dedicación exclusiva, a do concelleiro de Obras, Parques e Xardíns, Vicente Vázquez Chao, que cobrará 25.000 euros, unha cifra moi inferior aos 41.000 que recibía a nacionalista Míriam Bermúdez, e que supón un 39 % menos. En conxunto ambos os salarios supoñen 84.000 euros, unha cantidade algo inferior á que sumaban as súas dúas antecesoras. “Porque a nosa idea é manternos dentro do orzamento, non nos subimos nin un euro”, explicou a alcaldesa, que recibiu críticas por este elevado salario e que xustificou a decisión, “en base ao que marca a lei”. Asegurou que o salario dos alcaldes está definido en función do número de habitantes. “E a iso me subscribo”, esgrimiu, ademais de engadir que hai “consenso co meu compañeiro de partido”.

Gueimunde, que de formación é profesora de Secundaria, estaba a desempeñar o cargo de directora territorial na Consellería do Mar de Celeiro. María Loureiro e Míriam Bermúdez anunciaron a intención de absterse, xa que, “aínda que se manteñen dentro do orzamento total” consideran “totalmente desproporcionado ese salario”, en palabras de Loureiro, que foi apartada da Alcaldía a través dunha moción de censura. Matizou a exalcaldesa que Viveiro “é unha gran localidade e ten moitos servizos que é necesario atender, pero podería facerse unha repartición máis equilibrada”. A próxima semana Gueimunde dará a coñecer tamén a repartición de áreas para este novo Goberno que acaba de empezar, xa que todos terán unha área na que traballarán.

A DIRECCIÓN DO PPDEG NON CUESTIONA A ALZA

A preguntas dos medios este venres, nunha rolda de prensa na Cámara autonómica, o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, asegurou “descoñecer” tanto a retribución que se vai a fixar a nova alcaldesa de Viveiro como cales eran os ingresos da anterior. En todo caso, lembrou que existen “uns límites salariais especificados para os concellos” e agregou que, “mentres cumpra lei”, non ve problema. É máis, subliñou que se trata dunha cuestión a analizar desde unha perspectiva “global” (en relación ao orzamento total do goberno para os soldos). “Non se cal é o custo dun goberno e doutro. Do que estou seguro é de que o investimento que se faga nese custo salarial vai ser moito máis rendible para os seus veciños”, aseverou. Máis aló, remitiuse á autonomía local e asegurou que a el “non” se lle ouviu xulgar “o soldo que se poña ningún alcalde en ningún municipio de Galicia”.

ÚLTIMAS

A alcaldesa de Barreiros pide aplicar o “Modelo Muras” para as compensacións polo parque eólico Mondigo

  A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, adiantou hoxe, tras coñecer o anuncio feito pola...

A ampliación do Hospital da Mariña avanza con 33,5 millóns e máis espazo en urxencias, UCI e consultas

O Hospital Público da Mariña continuará coa súa ampliación a través das fases 2...

Convenio entre Viveiro e Portos de Galicia para ordenar o tráfico na rúa Porto de Celeiro

O Concello de Viveiro e Portos de Galicia asinaron un convenio de colaboración...

Ribadeo contará cun novo solo residencial para 300 vivendas, a maioría protexidas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a delimitación dun novo ámbito...