A alcaldesa do Valadouro, María José Fernández Díaz, do partido Únión Democrática Independente do Val (Udival), anunciou a súa dimisión e posterior apoio á cabeza de lista do PP, José Manuel Lamela, para que se converta no novo rexedor.
Diso informan ambas as formacións nun comunicado conxunto e asinado por ambos, despois da “total perda de confianza” dos concelleiros do PSOE que apoiaran a Fernández Díaz para facerse co bastón de mando a pesar de ser o grupo municipal con menos votos nas eleccións de maio de 2023.
En concreto, Udival obtivo unha acta, mentres que o PSOE e o BNG fixéronse con dous cada un e votaron á candidata independente no pleno de investidura. O PP fora primeira forza con catro concelleiros, a un da maioría absoluta.
No comunicado deste martes, a alcaldesa avanza a súa dimisión, que se formalizará nun pleno este venres, 13 de setembro, pero coa intención de “manter a acta de concelleira electa e de permanecer na Corporación municipal ata final do actual mandato”.
Ademais, Fernández Díaz cesou aos edís socialistas e nacionalistas que a acompañaban no goberno local, á vez que nomeou a Lamela como primeiro tenente de alcalde antes de que se celebre o pleno que o investirá como novo rexedor, para o que contará co apoio de Udival. Isto ocorrerá nun prazo máximo de 10 días a contar desde a dimisión da alcaldesa, que será este venres.
María José Fernández Díaz, “igual que ata o día da firma” do escrito no que anuncia a súa dimisión, “seguirá traballando con absoluta transparencia, dedicación e esforzo en mellorar a xestión pública local no que resta de mandato” pero xa non como alcaldesa, senón como concelleira electa por Udival. Lamela xa ostentou o bastón de mando entre 2011 e 2013, ano no que saíu adiante unha moción de censura apoiada, precisamente, por PSOE, BNG e Udival.
REACCIÓN DO PSOE
A secretaria de Organización do PSOE na provincia de Lugo, Pilar García Porto, considerou que a renuncia da alcaldesa do Valadouro, a independente María José Fernández Díaz, responde a un “caso de compra de vontades políticas“.
Así o manifestou en declaracións difundidas aos medios tras coñecerse que a rexedora, da Unión Democrática Independente do Val (Udival), anunciou a súa dimisión e posterior apoio á cabeza de lista do PP, José Manuel Lamela, para que se converta no novo alcalde.
Respecto diso, a dirixente socialista sostivo que esta decisión “non reflicte a vontade democrática” expresada polos veciños nas municipais para que “non gobernase o PP” e incidiu en que se trata dun “caso clarísimo” de “compra ou venda” de vontades políticas.
García Porto considerou “alarmante” que a rexedora “tire agora a toalla e rompa un pacto de goberno asinado para todo o mandato”, un “pacto lícito entre PSOE, BNG e UDIBA”, a forza política á que representaba a alcaldesa.
Así as cousas, Pilar García Porto considerou que a alcaldesa saínte debe “aclarar que oculta” e dar explicacións sobre o “pacto secreto” que ten co PP”. “Esta nova alianza do PP, a través da compra de vontades políticas, non responde os intereses dos veciños”, incidiu para asegurar que se trata dun “pacto ilícito” que “busca alterar a normalidade democrática”.
Por último, trasladou o compromiso do PSOE para defender a vontade dos veciños e traballar por un “Valadouro democrático” e “transparente”, no que “as decisións políticas respondan as necesidades dos veciños e non a intereses escuros”.