InicioPolíticaJosé Tomé: "Non hai vontade política para construír a Variante Norte de...

José Tomé: “Non hai vontade política para construír a Variante Norte de Cervo a Ferrol”

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, ve ausencia de iniciativa política desde a Xunta para levar adiante proxectos como a Variante Norte que considera "necesaria para A Mariña". Doutra banda, considera que as críticas do PP sobre tramos de estradas provinciais na comarca son accións para "atribuirse méritos que non ten". En canto ao transporte ferroviario, aínda que competencia do Estado, José Tomé apunta ao goberno de Sánchez como "o que fixo algo nesa liña ferroviaria en Galicia".

Publicada o

- Advertisement -

-Recentemente o señor Ameijide, do PP provincial, criticaba a falta de medidas de seguridade na Cazolga (Lourenzá), máis aínda agora cando cortaron unhas árbores que deixan un espazo cunha caída de 30 metros. Vostede coñecía estas críticas do PP provincial e o estado en que está ese lugar en concreto da LU-P-2804?

Non me extrañan as declaracións do señor Ameijide porque só se dedica a percorrer a provincia para invertar historias e atribuirse méritos que non ten. Si son coñecedor de como está esa parte da estrada LU-P-2804 pois a mesma alcaldesa de Lourenzá nos puxo en coñecemento da situación a través dun comunicado a través do Concello. Non soubemos disto a través do señor Ameijide, non se dirixiu a min para nada, e segundo di el xa falou cos enxeñeiros da Deputación cando non ten sentido que o faga, como se eu o fixese cos enxeñeiros da Xunta, non ten sentido. O noso equipo de vías e obras estuda cal é a mellor solución, por tanto algo si se vai facer para dotar de máis seguridade a ese punto.

-Tamén falou de desatención á rede viaria provincial, unha das máis longas do Estado. Asegura o señor Ameijide que isto é así desde 2007, ano en que comezou un goberno bipartito PSOE-BNG na Deputación. Como presidente da Deputación e do goberno da mesma, cal é a súa resposta?

Respondo o mesmo que antes, son historias. Se colle o histórico de calquera estrada provincial, normalmente, até os trinta anos non é habitual facer obras de mantemento, en xeral. Desde o ano 2007, non é esa cantidade de anos exactamente, e podo dicir que cando a señora Candia presidiu a Deputación por catro meses non iniciou ningún expediente de mellora de ningunha estrada provincial. O único feito nese tempo foi repartir un orzamento de cinco millóns de euros entre algúns concellos do PP, unha política igual á da Xunta de Galicia que reparte entre os do PP e aos outros os castiga. Por tanto, esa é a política do PP, por iso o señor Ameijide, como non ten nada que facer, anda de fochanca en fochanca. Entre outras cousas, hai tempo dixera que en Carballedo un autobús quedara paralizado nunha estrada por meter unha das rodas de atrás nunha fochanca e para sacalo usouse unha pa de man. Este tipo de manobras restan credibilidade, por tanto, ao voceiro do PP na Deputación preguntaríalle por que non recorda de preguntar polas estradas da Xunta. Hai unha no Courel que caeu haberá tres anos e aínda non se fixo nada. Podemos ir á rotonda que une Chantada con Lalín e aquilo é un patacal. En Xermade hai outra estrada da Xunta, sábeo ben o alcalde, que non se pode pasar por ella. Se imos comparar, estou convencido que a Xunta ten en peor estado as súas estradas que a Deputación as da súa competencia. Iso tendo en conta que nós triplicamos ao goberno autonómico en quilómetros de estradas, temos 4.217 quilómetros. Somos a primeira provincia de España en número de quilómetros seguida da de León.

-Vanse realizar obras de cara á seguridade dos peóns e sobre todo, alí por onde pase o Camiño de Santiago?

Dentro das nosas competencias realizamos intervencións cun servizo de conservación mediante empresas contratadas para estes labores. Este mantemento está dividido por zonas e cada empresa é signataria dunha destas zonas. Por tanto, cando hai incidencias sempre estamos en primeira liña porque xa hai empresas contratadas e cando se trata de melloras xa o facemos traer do Servizo de Vías e Obras da Deputación. Nestes momentos temos obras de mellora na Mariña, por exemplo unha estrada entre Trabada e Barreiros e tamén en Barreiros hai unha que baixa até as praias. Quero dicir que temos varias obras contratadas ou en tramitación para contratar na Mariña como en toda a provincial.

-Hai uns anos en Xove houbo un accidente mortal consecuencia dunha saída de vía. A estrada é competencia provincial mais existen queixas do seu mal estado. O alcalde de Xove falara no seu momento de ter ofrecido o 50% do orzamento para arranxar esta vía. Existe algún plan de actuación, non só nesa vía, senón noutras competencia provincial na zona?

Si, aínda que se o alcalde de Xove dixo iso, non é certo. Lamento calquera tipo de accidente ou sinistro nas estradas, por desgraza neste caso houbo vítimas mortais. Os informes realizados despois do accidente, os informes descartaron a incidencia da estrada no sinistro. Si hai un protocolo asinado entre o Concello de Xove e a Deputación para coñecer o estado e as carencias na totalidade das estradas dentro do municipio. Nunhas faríanse proxectos para que os aplicara o Concello e noutras sería a Deputación. Nestes momentos os técnicos de Vías e Obras teñen ultimados os proxectos de todas as vías dentro do Concello de Xove e eu mesmo, no mes de xullo, reuninme co alcalde, Demetrio Salgueiro, para falar deste tema onde faltan algúns puntos por detallar mais contamos con ter resoltos en setembro ou outubro a máis tardar cos nosos exeñeiros e así, podermos pechar un acordo definitivo con ese obxectivo: a mellora da rede viaria dentro do termo municipal de Xove.

-Outro tema é o FEVE que atravesa a comarca, un tren que é gratuíto en Asturias mais en Galicia non e, ademais, aquí ten unhas frecuencias e unhas condicións moi diferentes ao resto da liña. Desde a Deputación buscaranse vías de diálogo para mellorar esta liña ferroviaria?

Sen dúbida, mais iso xa o fixemos e foi mediante unha petición ao Goberno. Pedimos o mesmo tratamento do FEVE en Lugo (o que nos compete a nós) que en Asturias e Cantabria. Ese paso xa o deu o goberno da Deputación e reitero a petición, FEVE debe ser modernizada de maneira igual tanto na parte galega como na asturiana e cántabra. Desde logo pedimos unhas frecuencias que respondan á necesidade da xente. Tamén digo unha cousa, se alguén se preocupou de facer algo nesta liña de tren foi o goberno de Pedro Sánchez, non vin mellora ningunha durante os gobernos de Aznar e Rajoy. Debemos ser realistas, temos que demandar e esixir? Si, mais tamén debemos recoñecerlle o traballo a quen fai algo.

-Non é competencia da Deputación senón do Estado a A-8. Porén, aí está o problema da visibilidade na área do Fiouco. Lanzaron algunha proposta desde o goberno provincial?

Levamos tempo tratando ese tema e tamén debemos dicir que o problema do Fiouco, sen restarlle ningunha importancia, estase a esaxerar en relación aos cortes de tráfico. Isto dígoo porque mesmo fóra de Galicia tamén hai lugares onde a néboa non permite ver, por exemplo en Castela. No caso da A-8 houbo un accidente no que morreu unha persoa, por iso digo de non restarlle importancia, mais si podo dicir que desde 2018 se investiron máis de 10 millóns de euros en melloras de seguridade neste punto e con isto conseguiuse que as horas de peche pasaran de 700 por ano a 80 horas por ano. Doutra parte, tampouco vexo que a Xunta faga moito pola Variante Norte de Cervo a Ferrol, sobre todo por Viveiro cando é unha infraestrutura moi importante para a comarca.

-Desde a Xunta explicaron á Deputación de Lugo o non ter feito as obras da Variante Norte?

Neste caso estamos diante dunha falta de vontade política evidente. A última vez que se fixo algunha obra foi durante o bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño, que foi a variante de Cervo. Depois quedaba a de Viveiro, mais cando chegou o señor Feijóo en 2009 o proxecto desapareceu das prioridades da Xunta. Logo botáronlle a culpa ao Concello de Viveiro cando este concello pode ter unha opinión como calquera outro concello sobre unha determinada obra e de aí que sexa necesario negociar entre concello e Xunta. Por tanto, algo tan importante como é a variante de Viveiro non pode estar esperando quince anos sen nin sequera sen facer as expropiacións nin estudos informativos nin de impacto ambiental e logo o proxecto constructivo e iso son anos. Por tanto, eu aí vexo falta de vontade política e o goberno de Rueda tampouco o vai facer, pois o PP non goberna en Viveiro, nin en Burela nin noutros puntos importantes, por tanto a costa de Lugo tanto lle ten. Só van para sacar as fotos en Alcoa, porque non depende deles mais cando pechou Vestas ou Albo aí non foron porque era competencia deles facer os informes dos EREs.

ÚLTIMAS

A caída dunha póla causa feridas a un operario no Valadouro na mañá deste mércores

Un operario resultou ferido na mañá deste mércores na localidade lucense do Valadouro tras...

Familiares de usuarios piden reunirse co alcalde de Foz para solucionar a situación da residencia

A Plataforma de afectados pola subida abusiva de tarifas da Residencia e Centro de...

O Concello de Viveiro reclama á Xunta unha reunión para desbloquear proxectos importantes na vila

O Concello de Viveiro reclama á Xunta de Galicia que atenda as súas peticións...

Barreiros e ANPAS presentan a oferta de actividades deportivas e extraescolares

O Concello de Barreiros e as ANPAS dos CEIP dos colexios de San Cosme...