InicioEconomíaVeciños de Trabada confundidos ante as bonificacións do parque eólico Mondigo

Veciños de Trabada confundidos ante as bonificacións do parque eólico Mondigo

Veciños e veciñas beneficiadas polas bonificacións no consumo de enerxía desde o parque eólico de Mondigo reclaman claridade ante as condicións que se lles ofrecen nestas bonificacións. Neste sentido, o alcalde de Trabada, Rubén García, solicitou unha reunión urxente para coñecer se existe unidade de criterios nos beneficios ou se hai algún punto sen aclarar que estea prexudicando á poboación.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Trabada solicitou unha xuntanza coa máxima urxencia co obxectivo de coñecer con todo detalle o funcionamento e a aplicación real dos descontos na factura da luz vinculados ao programa Mondigo Beneficia. Esta decisión adoptouse ante a aparición constante de dúbidas e preocupacións trasladadas por numerosos veciños e veciñas da localidade sobre as condicións necesarias para ter acceso a estas bonificacións enerxéticas, que afectan tanto a Trabada como a usuarios e veciñanza dos concellos lindeiros de Barreiros e Ribadeo.

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, remitiu escritos oficiais á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, á entidade Recursos de Galicia e á comercializadora eléctrica Máis Enerxía Galega para requirir información precisa, transparente e por escrito sobre o procedemento exacto que se debe seguir. De acordo cos datos facilitados ata o momento ao rexedor municipal, esta última empresa sería a única comercializadora que manifestou formalmente a súa disposición a adherirse ao programa de descontos asociado ao desenvolvemento e explotación do parque eólico de Mondigo.

A iniciativa do goberno local xorde tras comprobar que varios veciños informaron das condicións particulares que a comercializadora lles estaría trasladando a título individual. Segundo explican dende o Concello, algúns destes requisitos e aspectos contractuais non coinciden coa información inicial que Recursos de Galicia facilitara no seu momento ás administracións locais e á cidadanía sobre as liñas xerais das bonificacións.

Ante esta evidente situación de incerteza e confusión, o goberno municipal de Trabada considera urxente establecer luz e taquígrafos sobre a materia. O Concello quere saber exactamente de que xeito se aplicarán as reducións de tarifa, cales son os trámites específicos e documentos que deberán presentar as persoas beneficiarias e de que forma concreta se reflectirá a bonificación en cada recibo eléctrico mensual.

Outro dos puntos clave que a corporación local pretende desvelar é que empresas comercializadoras están efectivamente adheridas ao programa e se a veciñanza beneficiaria terá a liberdade de escoller entre diferentes opcións e alternativas de contratación para gozar dos descontos. Ao mesmo tempo, o Concello de Trabada pide definir o papel das comercializadoras na atención directa ás familias e habilitar vías de coordinación fluídas coa Administración local para garantir que a información oficial chegue sen distorsións aos afectados.

“Preocúpanos que os veciños estean recibindo unas condicións que non coinciden co que no seu día nos trasladó Recursos de Galicia”, salientou categoricamente García Freije, quen insistiu na necesidade de convocar canto antes esta xuntanza para resolver e clarificar calquera discrepancia. O rexedor defendeu a urxencia de ofrecer “transparencia e unha explicación detallada do procedemento” para evitar que ningunha persoa que cumpra os requisitos quede fóra dos beneficios económicos do parque eólico por falta de información ou por recibir indicacións contraditorias. A día de hoxe, o Concello permanece á espera de recibir unha resposta formal por parte das entidades e de fixar unha data inmediata para a celebración do encontro.

ÚLTIMAS

Ribadeo acolle o 16 de outubro o primeiro encontro forestal do Noroeste

Ribadeo acollerá o 16 de outubro o I Encontro Forestal do Noroeste no que...

Reunión de confrarías do Cantábrico Noroeste en Foz

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo organiza esta semana unha nova...

Dúas alumnas de Foz participan no Campionato Mundial de Pizza Picante en Italia

Marta Chao e Kiara Cabado, alumnas de segundo ano do Ciclo Medio de Cociña...

Ribadeo estrea ordenanza para regular o estacionamento das autocaravanas

A ordenanza reguladora do estacionamento de vehículos de acampada nace para velar polo turismo...