InicioOrientalTrabadaTrabada reclama á Xunta una nova motobomba para combater incendios

Trabada reclama á Xunta una nova motobomba para combater incendios

A través dun escrito remitido á conselleira de Medio Rural, o Concello lembra que esta demanda non é nova. Xa no ano 2024 trasladara á Xunta a necesidade de renovar este vehículo debido ao seu avanzado estado de desgaste, unha situación que, lonxe de mellorar, agravouse co paso do tempo.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Trabada volveu solicitar formalmente á Consellería do Medio Rural a dotación dunha nova motobomba para o servizo municipal de prevención e primeira intervención en incendios forestais, unha petición que o alcalde, Rubén García, considera “urxente e plenamente xustificada” tras os últimos incendios rexistrados no municipio.

A través dun escrito remitido á conselleira de Medio Rural, o Concello lembra que esta demanda non é nova. Xa no ano 2024 trasladara á Xunta a necesidade de renovar este vehículo debido ao seu avanzado estado de desgaste, unha situación que, lonxe de mellorar, agravouse co paso do tempo.

O incendio rexistrado este luns no Alto do Picato, na parroquia de Vilapena, volveu poñer de manifesto a importancia de contar con medios adecuados para facer fronte ás primeiras intervencións. Como acontece habitualmente, os operarios municipais foron os primeiros en chegar ao lugar do incendio, actuando desde os primeiros minutos para conter o avance das lapas ata a chegada do resto dos servizos de emerxencia.

O alcalde de Trabada, Rubén García, participou tamén nesa primeira intervención e puido comprobar, unha vez máis, as dificultades que supón traballar cunha motobomba que leva anos acumulando avarías e reparacións.

“O Concello leva investidos moitos recursos para manter este vehículo operativo, pero chegou a un punto no que o seu desgaste é moi elevado e incluso resulta complicado atopar pezas para continuar reparándoo. Xa non estamos falando dunha mellora, senón dunha necesidade imprescindible para garantir unha resposta rápida e segura”, afirma o rexedor.

Rubén García lembra que Trabada é un concello cunha ampla superficie forestal, numerosos núcleos rurais e unha poboación moi dispersa, polo que a primeira intervención resulta determinante para evitar que un pequeno lume se converta nun incendio de maiores dimensións.

“O noso persoal municipal responde sempre cando hai unha emerxencia. Son os primeiros en chegar, os primeiros en actuar e os primeiros en protexer ás persoas, ás vivendas e ao territorio. Non podemos seguir esixíndolles esa responsabilidade sen proporcionarlles os medios adecuados para facelo con seguridade”, subliña.

Desde o Concello insisten en que esta petición non responde a un capricho, senón á necesidade de dispoñer dun equipamento esencial para protexer á veciñanza, ás explotacións agrarias, ás vivendas e ao patrimonio forestal do municipio.

Por este motivo, o Concello reclama á Xunta de Galicia que atenda esta solicitude coa máxima urxencia, dotando a Trabada dunha nova motobomba que permita prestar un servizo acorde ás necesidades reais do municipio e ás emerxencias que se producen.

ÚLTIMAS

Morre un home en Foz por un incendio nunha vivenda da localidade

Unha persoa perdeu a vida este xoves tras producirse un incendio nunha vivenda situada...

Burela colabora co Bal y Gay para unha nova cita coa música clásica

O Concello de Burela colabora un ano máis co Festival Bal y Gay para achegar ao municipio unha nova cita coa música clásica. O vindeiro venres 14...

Primeiro parte da AEMET sobre o día da eclipse: Ceos nubrados no Cantábrico e litoral galego, con choivas no leste

O 12 de agosto, día da eclipse solar, será unha xornada marcada por unha...

Ribadeo prevé un aumento de 1.000 habitantes coas 300 vivendas proxectadas no PIA

O alcalde, Dani Vega, dixo que “tanto o Concello como a Xunta estamos a...