-Que é a Festa da Enfariñada e que se pode encontrar nela?
O prato naceu na postguerra mais nós comezamos en 2018 con esta festa que era unha homenaxe a esas xeracións que durante a postguerra se alimentaron grazas a este prato. Era un prato económico debido aos ingredientes e era dos poucos pratos que se podían encontrar nunha casa. A elaboración leva ovos, fariña, auga, un pouco de leite e un pouco de sal. Nós coñecémolo como enfariñada, mais noutras parroquias de Trabada son coñecidas como faragullos ademais doutros concellos.
-De onde e como xurdiu a idea desta celebración?
A primeira edición organizouse estando de alcaldesa Mayra García, tamén me consta que con anterioridade se valorou a idea de facer algo relacionado con este prato. Mais a primeira edición foi en 2018 e a partir de aí comezouse a darlle forma. Isto funde ademais da tradición do prato o feito de que son veciños e veciñas quen cociñan a enfariñada. Voluntarios e voluntarias que fan desta festa algo diferente. Tamén organizamos un mercado de produtos de proximidade tanto de alimentación como doutras categorías. Despois teremos música tradicional e logo música de verbena e con iso queremos crear unha atmosfera distinta.
-Como se vai desenvolver ese día da enfariñada?
Haberá que madrugar para cociñar, preparar o amoado, será sobre as sete da mañá. Ás doce ábrese a festa e será cando se poida adquirir a cunca para a Enfariñada, elaborada pola Asociación Saúde Mental A Mariña, que é unha colaboración con eles. Así pois, a partir das doce abrirase a cociña para facer a enfariñada xunto co mercado de postos e á unha e media comezan as actuacións musicais. Todo isto celebrarase na Praza do Concello.
-Tedes estimacións de asistencia e cales serían os prezos que implica este evento?
O ano pasado vendemos 500 racións, unhas comen aquí e logo hai quen leva táper para a súa casa. Este ano será un prezo de 7€ o que é a enfariñada coa cunca, e logo opción de repetir por 3€ e logo 5€ por táper. Logo asistirán sobre todo, persoas de Trabada e xentes doutros concellos mais relacionadas persoalmente con Trabada. Logo haberá unhas trinta persoas cociñando e servindo, en total corenta e un voluntarios. Teño que agradecerlle ao persoal do Concello e voluntarios o traballo feito.
-Este tipo de eventos tamén poden fomentar a imaxe de Trabada cara o exterior?
Si, desde logo, así o queremos reflectir este ano para dar a coñecer esta festa máis alá e como tal iremos este ano o 1 de maio á Festa da Filloa en Muimenta. Teño que agradecer a invitación que nos chegou desde esa festa para poder promocionar a nosa. Buscamos que sexa un impulso económico para Trabada e seguir consolidándoa como unha festa grastronómica dentro da Mariña e Lugo.
-Cre que a partir de agora se realizarán outras iniciativas en paralelo a esta festa para axudar a desestacionalizar o turismo no concello?
Desde logo, iso é algo no que imos loitando en conxunto desde a Mancomunidade para a desestacionalización do turismo. Xunto co Entroido, a Enfariñada é un dos eventos que máis xente atrae. Vemos que este tipo de eventos funcionan e non teñen por que celebrarse no verán. Tamén apoiaremos iniciativas que estean dirixidas para todos os veciños e veciñas de Trabada e para quen nos visiten de fóra. Desde o Concello manteremos esa colaboración para dinamizar o municipio cunha ampla variedade de eventos, e direi que en 2025 é o ano onde se celebrarán máis actividades.
-Que outras actividades lle gustaría preparar para animar á xente a visitar Trabada?
Non nos queda oco no calendario. Este 2025 vai ser moi intenso e grazas ás asociacións e grupos que realizarán actividades moi variadas e, sinceramente, sería difícil crear un novo evento. É un orgullo ter tantas opcións en todas as parroquias, creo que ese é o camiño para que concellos pequenos resulten atractivos para as persoas que gusten de visitarnos.