Unhas 200 persoas acudiron á concentración convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña e o Concello de Trabada para demandar a cobertura de xeito estable da totalidade de médicos.
A Plataforma pola Sanidade Pública da Mariña transmite que: “Trabada ten que ter 2 médicos sempre, pois a súa poboación maioritariamente por riba dos 65 anos, moi dispersa xeográficamente precisa unha atención sanitaria de calidade, próxima, digna e non suxeita únicamente a criterios numéricos”.
Nesta localidade tamén hai unha residencia con 39 persoas que precisan de atención sanitaria todos os días.
Durante a concentración leuse un texto no que, entre outros puntos, sinalábase: “A xubilación no ano 2023 dun dos facultativos de Trabada non foi substituída en ningún momento por parte do SERGAS, co que durante todo este tempo un só médico dos dous que constitúen a súa plantilla tivo que asumir a totalidade da carga de traballo do centro de saúde. Trabada é un concello moi extenso, cunha poboación moi avellentada, moi disperso e cunha distancia entre núcleos poboacionais bastante grande. Por istes motivos a súa poboación, con gran porcentaxe de maiores de 65 anos é altamente demandante de atención médica e de coidados de enfermería, con moitos casos de atención domiciliaria nos que hai que invertir moito tempo. É por iso que malia que a poboación é de 1.100 habitantes, faise absolutamente imprescindible contar cos dous facultativos todos os días e a tempo completo”.