InicioOrientalRiotortoCarlos Veiga: "Houbo familias que sobrevivían o resto do ano co xornal...

Carlos Veiga: “Houbo familias que sobrevivían o resto do ano co xornal gañado en Castela por segar trigo”

A Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, en Riotorto, iniciou un traballo de recollida de testemuños sobre os segadores que ían a Castela coller o trigo para gañar un xornal que, en moitas ocasións, serviu para sustentar a algunhas familias o resto do ano. Este traballo de recuperación da memoria na parroquia da Órrea traduciuse nun libro ‘Segadores da Órrea en Castela. Unha historia de heroes’ e un documental dirixido por Vanesa Lourido presentado na Deputación de Lugo. Carlos Veiga, é unha das persoas que investigou este fenómeno para a confección do libro que deu pé ao documento audiovisual.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal era o motivo da migración desde a Órrea de cuadrillas para segar en Castela?

Este fenómeno en toda Galicia durou 300 anos, desde o século XVII até os anos 1960, porque a última da parroquia da Órrea saiu en 1967. Foi un fenómeno sociolóxico importante, algúns autores cifran o número de persoas que fixeron estas viaxes entre 30.000 e 60.000 labregos galegos, sobre todo das provincias de Lugo e Ourense, quen temporalmente abandonaban as súas facendas para participar nas segas de Castela. Durante moito tempo o desprazamento facíase a pé, pois o ferrocarril chegou a Galicia en 1.873. A Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, en Riotorto, investigamos este fenómeno na nosa parroquia, un fenómeno moi similar en toda Galicia. Con todo, nesta parroquia dábanse tres circunstancias moi específicas que lle fixo vivir a emigración en todas as súas formas. Cara América, Europa máis tarde e logo ás cidades desenvolvidas do Estado, sobre todo Bilbao e Barcelona. Con este tipo de emigración conviviu esta migración temporeira coñecida por algúns autores como “Migración Anduriña”. Entre as características que reunía a Órrea estaba a orografía pouco favorable para as prácticas agrarias, moita costa e un minifundio secular, coñecín persoas con propiedades que non chegaban a un metro cadrado. Isto uníase a un excedente de poboación. Isto fixo potenciar todos os tipos de emigración.

-Como se organizaban estas cuadrillas e quen contactaba con eles?

As cuadrillas eran grupos fortemente xerarquizados, normalmente de nove persoas e todos homes, as mulleres non ían. Había tamén cuadrillas de seis e doce persoas, mais o normal eran as de nove, con seis segadores, “fouciñas”, e tres atadores. Os segadores eran adultos que andaban entre os dezasete e os cincuenta e pico de anos, tamén houbo persoas que prolongaron a súa carreira por máis tempo. Os atadores eran nenos con idades entre os dez e os quince ou dezaseis anos. Cada atador traballaba para cada dous segadores, a cambio recibían a metade do que gañaban os “fouciñas”. As cuadrillas tiñan unha xerarquía moi marcada, pois segundo o lugar que ocupase, tiña un pretixio predeterminado, cobraba unha gratificación específica e mesmo á hora das comidas, tamén tiña un papel diferente. Por exemplo, o maioral cortaba o pan, o das tres botaba o viño e estes grupos estaban dirixidos polo maioral. Era un segador experto, experimentado, con varios anos segando e, chegado un momento, decidía levar el o seu grupo. As funcións do maioral eran buscar os segadores e atadores que o acompañaran, mesmo había maiorais con moito prestixio que non necesitaban buscar xente senón que acudían a el. Logo había que organizar a viaxe, que durante moito tempo se fixo a pé. Os do norte de Lugo e do centro xuntábanse na capital provincial e seguían a Ruta Xacobea, mais en sentido inverso até Astorga para entrar en Tierra de Campos. Os últimos da Órrea que foran segar, fixérono en Segovia.

-Como foi o proceso de recollida e información para a recuperación da memoria deste fenómeno?

Comezamos sobre o 2015. Daquela organizaramos unha mesa redonda, integramente gravada onde participaron segadores. En 2018 publicamos o libro ‘Segadores da Órrea en terra de Castela. Unha historia de heroes’. Logo fixemos unha viaxe a Segovia para desandar o camiño dos segadores, en total fomos 55 persoas. En Carbonero El Mayor fomos recibidos pola corporación municipal, había alí propietarios de terreos para quen traballaran segadores da Órrea e que recordaban moi ben os seus nomes. Nun dos lugares chamado Miguel Ibáñez cun “amo” para o que segaran. Eles dirixíanse ao propietario co apelativo de “amo” que non ten unha connotación necesariamente de servidume. Durante moito tempo houbo unha crenza sobre maltrato dos patróns casteláns contra os traballadores galegos. De todas as testemuñas que temos, ningunha contou nada diso. A idea sobre ese maltrato primeiro partiu do poema de Rosalía de Castro e o poema “Castellanos de Castilla”. Segundo Alonso Montero, o poema de Rosalía está inspirado nunha cantiga popular, mesmo ten un erro de concordancia pois ella transcribiuno tal cal, “cando van, van coma rosas, cando vén, vén coma negros”, hai como unha especie de lusismo e ella transcribira tal como oíra a cantiga cantada nas feiras. Ela compuxo o seu poema onde unha moza se laia do maltrato que sufrira o seu amado en Castela vítima dun amo maltratador, entón, iso que puido ser anecdótico puido elevarse a categoría. Hai pouco presentamos un documental na Deputación dirixido por Vanessa Lourido, onde se recollen máis de vinte e nove homes e dúas mulleres, todos nacidas na Órrea. Todos eles contan a súa visión, os homes de cando ían segar e as mulleres de cando quedaban na casa para que seguise. Ningún deles fala de ter unha mala experiencia cos contratistas. Os contratos eran todos acordos verbais, traballaban a xornal e o que se chamaba “a mantido”. Isto significaba que cobraban a xornal, incluíndo a durmida en palleiras e máis a comidas. En parte, isto xustifica o título do libro, ‘Segadores da Órrea en Castela, unha historia de heroes’. O de “historia de heroes” non é pretencioso, senón que cando eu era pequeno e escoitaba todas as penalidades do traballo destes segadores, baixo un sol abrasador, durmían en palleiras e comían dun pote. Entón para os máis novos daquela as persoas que podían soportar aquelas condicións, non eran persoas normais, eran algo máis.

-O maioral como contactaba cos casteláns para ir traballar ás súas terras?

Quedaban xa citados dun ano para o outro e escribíanse cartas. Coñecín un maioral mítico chamado Jaime, un home que supoño foi a Castela máis de corenta anos. Primeiramente ía por necesidade mais nos últimos anos ía como unha especie de adicción. Á parte de gañar uns cartos tamén botaban aquilo en falta. Daquela este home non tivera ocasión de aprender a escribir e eu escribinlle algunhas cartas. Tamén había como protocolo naquel tempo en escribir as misivas: “Quiera Dios que al recibo de la presente se encuentre usted bien de salud quedando la nuestra bien, gracias a Dios”. E logo dicíame que lle preguntara algo sobre a muller que cando volvín quedaba con algo de reuma e logo “falamos do asunto, pregúntalle pola colleita e a ver cando saímos”. Ultimamente viaxaban en tren, facían trasbordo en Medina del Campo e logo baixaban nunha estación que agora non existe e que se chamaba Ortigosa de Pestaño. Até alí chegaba o primeiro amo, porque segaban para varios. Normalmente ían buscalos nun carro de mulas que os levaba até un caserío e tamén os levaba do caserío ás terras de segado.

-Nun período de 300 anos puido darse o caso de que quedasen algúns segadores por alá e formasen comunidades por alí?

Houbo algúns que botaban moza por alí, mais non quedaban. Tamén hai casos de alguén que morreu en Castela e enterrados naquel momento. Estas eran historias contadas por pais e avós, e aínda que moitos eran xente nova, as condicións non eran as de hoxe.

-Conseguistes ir máis atrás no tempo. Averiguar como empezando este fenómeno e como permaneceu no tempo?

Nós entrevistamos a un antropólogo, González Reboredo, foi profesor, está xubilado, forma parte do Padroado do Museo do Pobo Galego levando a sección de antropoloxía. El non coñece moi ben a orixe destas migracións temporeiras, e iso que tamén se estudaron en Ourense, no Barco de Valdeorras, mais as orixes en si non se coñecen. Debemos dicir tamén que non só eran galegos, pois había extremeños e andaluces, aínda que os máis numerosos eran os galegos. Os segadores que aparecen no documental e aos que lles recollemos testemuños din “isto xa viña do meu avó e logo foi o meu pai” e de aí para atrás non sabemos máis. Realmente da Órrea deberon ser miles os que partiron para Castela. Recordo que no ano 1966 ou 1967 conformáranse tres ou catro cuadrillas, aínda que tamén había doutas parroquias como Xudán e Galegos.

-O xornal que recibían permitíalles vivir o resto do ano?

En moitos casos si. Unha das testemuñas aparecidas no documental contaba que seu pai dicía que lles caía a casa e non había cartos para os arranxos. Foi cando o pai dixo “imos a Castela”, e foron tres da mesma casa, dous para segar e un para atar. Entre todos trouxeron daquela 54.000 pesetas. Facendo unha comparación, eu fun mestre e comecei cobrando 9.747 pesetas por mes. Esta xente marchaba a fin de xuño e logo volvían a mediados de agosto para a festa da Virxe, sobre o 15 de agosto. Conta un segador que el traballaba por aquí cando se fixera a repoboación forestal, durante o franquismo: “ía traballar e cobraba 40 pesetas diarias, levando eu a comida, o sacho e o fouciño” e outro segador contaba que “cobraba 45 pesos diarios (225 pesetas diarias)”. Todos coincidían en que era moi duro, que paga a pena e o trato cos amos era cordial. Ademais, os casteláns tampouco é que vivisen mellor que os de aquí. Necesitaban a man de obra, e mesmo tiñan que pedir os cartos adiantados porque aínda non tiñan a colleita vendida, non eran uns potentados.

ÚLTIMAS

José Quelle, O Vicedo: “Queremos manter unha data consolidada cada ano para o Trail”

-Como vai discorrer este IV Trial do Vicedo? Son tres probas. Hai dúas carreiras, unha...

As escolas deportivas de Ribadeo abren o prazo de inscrición o vindeiro luns

As Escolas Deportivas de Verán, que organiza o Concello de Ribadeo, ofrecen as especialidades...

Xornada sobre a velutina no Concello de Barreiros

As Escolas Vellas de San Miguel de Reinante acolleron esta mañá a xornada técnica...

‘Hablando de Pájaros’ presentará actividades de ecoturismo aos asociados a ACISA Ribadeo

O próximo 27 de maio a empresa Falando de Paxaros presentará as súas actividades...