O grupo municipal popular de Ribadeo reclama a construción de aparcamentos públicos para a vila e denuncia a actitude de total abandono do goberno do BNG neste asunto. “Despois de preto de 20 ano non hai ningún aparcamento novo, referímonos a un decente e ben ubicado e no que non faga falta levar catiuscas para baixar do coche”, explica a coordinadora de promoción local, Marta Saiz.
Para Saiz, os anuncios “a bombo e platillo” feitos polo goberno do BNG no son máis que “prados alugados ou solares prestados cheos de lama e auga en inverno, e terra e pó en verán”. A coordinadora refírese ao mal estado dos aparcamentos públicos de Ribadeo, que non están en condicións adecuadas para o seu correcto uso e funcionamento, por iso, desde o grupo popular lamentan que o goberno do BNG faga todo “rápido e correndo”. Neste sentido, o que piden é un aparcamento en condicións con pavimentación que permita as zonas de tránsito e as zonas de prazas de aparcamento, e non un estacionamento cheo de gravilla e terra.
“Ademais, estívose investindo en escombros e grava. Xa sabemos que o investimento é pequeno, pero pequeno ou grande foi feito en chan que nin sequera é público. Unha situación que repercute negativamente no tecido económico de Ribadeo”, engade Marta Saiz.
PETICIÓNS REITERADAS
Pola súa parte, a vicevoceira do grupo municipal popular, Elena Sierra destaca que non é a primeira vez que levan a pleno o asunto dos aparcamentos públicos. Sen embargo, desde o goberno do BNG “a actitude é a de sempre, non prestan atención, non fan caso das nosas peticións e mesmo temos escoitar faltas de respecto nos plenos “.
“Non calaremos, seguiremos achegando ao pleno as propostas para que fagan aparcadoiros dignos para a vila, porque nós traballamos para que Ribadeo avance” di Sierra.