InicioOrientalRibadeoRibadeo celebrará a oitava edición das Letras no Campo con divertimentos para...

Ribadeo celebrará a oitava edición das Letras no Campo con divertimentos para todo o público

O concelleira de Cultura, Pilar Otero, explicou que “o nome que recibe este evento, Letras no Campo, pretende rescatar a denominación que sempre se lle deu a esta parte da vila, o Campo".

Publicada o

- Advertisement -

A oitava edición de Letras no Campo, a feira ribadense do libro, celebrarase do 14 ao 17 de maio. Haberá presentacións de libros, concertos, a proxección dunha película e un photocall moi especial do que participarán o Coco e a Coca. As casetas abrirán de 11:30 a 13:30 horas polas mañás e de 17:30 a 20:30 horas polas tardes. As Letras no Campo foron presentadas pola concelleira de Cultura, Pilar Otero, e por libreiros participantes.

A edil ribadense manifestou: “podemos dicir que nesta fin de semana longa en Ribadeo temos moitos atractivos para quen vivimos aquí e para todas as persoas que queiran vir visitarnos. Mentres a feira do libro se está a desenvolver ponse en marcha o Ribadeo de Tapeo, o clásico e pioneiro evento de tapas que ofrece as mellores suxestións en bares e restaurantes. Tamén o programa de achegamento e goce da nosa contorna natural, que leva por nome O Renacer do Cantil, propón actividades para sábado e domingo. E na oficina de Turismo inaugúrase o venres, 13 de maio, a exposición A Bretaña que hai en nós, de fotografías das cruces de pedra na Bretaña, de Castelao, organizada pola asociación de irmandade Ribadeo-Loctudy, coa participación de Ugía Pedreira e Pierre Yves Rougier”.

Otero Carbacos explicou que “o nome que recibe este evento, Letras no Campo, pretende rescatar a denominación que sempre se lle deu a esta parte da vila, o Campo. E así, tanto as casetas como a sala onde se farán as presentacións están no Campo de San Francisco. Nesta edición estarán presentes as librarías Bis a Bis, Gráficas Santiago, Pícaros Mundi e Anticuaria Galgo, de Ribadeo, que ofrecerán un desconto do 10% na venta de libros en galego. A maiores exporán as súas producións a editorial Canela e o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo”.

A concelleira de Cultura sinalou que “primeiramente gustaríame falar da persoa que lerá o pregón. É a escritora e mestra da Veiga Belén Rico Prieto, escritora na variante do galego que falan as nosas veciñas e veciños da outra banda do Eo. Parécenos de xustiza este xeito de recoñecemento, de visibilización dunha produción literaria que se fai un pouco á marxe, mais que nos completa como falantes dunha mesma lingua, rica e variada. Cremos asemade que o galego é un patrimonio que nos enriquece e ten que estar por riba de cores políticas e fronteiras administrativas”.

Pilar Otero seguiu a relatar que “Letras no Campo vai desenvolverse do 14 ao 17 de maio e o horario de apertura de casetas todos os días vai ser de 11.30 a 13.30 e de 17.30 a 20.30 horas. A lectura do pregón será o sábado ás 19.30 horas. Cada xornada terá un divertimento e o dese día é o tradicional concerto das letras galegas a cargo da Banda Municipal de Música de Ribadeo”.

A edil nacionalista dixo que “o domingo ás 12.00 horas a poeta, ensaísta e doutora en Teoría da Literatura, María do Cebreiro, presentará as súas edicións críticas das obras Cantares Gallegos e En las orillas del Sar, de Rosalía de Castro. Pola tarde ás 18.00 horas a protagonista é unha obra urxente e necesaria, froito do traballo do profesor Carlos Varela Aenlle. É o Dicionario do galego de Asturias. Unha hora máis tarde, a autora de Burela Antía Yáñez preséntanos a súa novela Non penses nun elefante rosa. O divertimento dese día vai ter lugar a xeito de sesión vermú, ás 13.00 horas, e será o concerto da cantautora portuguesa Eva Parmenter”.

Otero Cabarcos contou que “chegamos xa ao luns, 16 de maio, e iniciámolo co poeta Cesáreo Sánchez Iglesias e o seu A árbore que dá as lágrimas de Shiva. Paco Rivas despois tráenos un romance para crianzas, o Romance de don Dinís e dona Helena. O seguinte autor, que presenta a obra pola tarde, é Xesús Trashorras, veciño noso en tempos e que nos trae a súa obra de narrativa Paseando canguros.Completa a tarde de presentacións unha nova escritora, Lucía Ferro coa súa novela Resaibo amargo. O divertimento dese día é a proxección da película galega Valentina, de Chelo Loureiro, premio Goya á mellor película de animación”.

E engadiu: “a mañá do 17 de maio, Día das Letras Galegas, está protagonizada por dúas presentacións do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo. Fernando Arribas e Teresa Pena Moreda falarán de A vangarda das formas, a obra cerámica de Isaac Díaz Pardo. E Fernando Villapol Parapar en Ciencia e conciencia, historia social abordará o percurso histórico e territorial do apelido Villapol. Rematamos coa entrega de premios da fase local do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2022, organizada pola Biblioteca de Ribadeo e para acabar, como divertimento, o concerto de Sobrado”.

A concelleira de Cultura anima a asistir ás Letras no Campo: “despedimos esta presentación co convite a visitar Letras no Campo e de asistir a todas as actividades que as rodean, entre elas e para as crianzas, un photocall moi especial do que participan o Coco e a Coca”.

ÚLTIMAS

Detido en Ribadeo o presunto autor dun roubo con forza na casa dun familiar

A Garda Civil detivo na localidade lucense de Ribadeo un veciño de Trabada, de...

A Carreira de Reis en Barreiros recadou 600€ para a asociación Saúde Mental A Mariña

A Carreira solidaria de Reis, organizada polo Concello de Barreiros, logra recadar 667 euros...

Balance positivo de ACISA da XIV Festa do Comercio en Ribadeo

Acisa fai un balance moi positivo da XIV Festa do Comercio, que reuniu o...

O 2 de marzo partirá de Ribadeo a IV Edición da Peregrinación ‘O Camiño do Mar Concello a Concello’

O vindeiro 2 de marzo partirá de Ribadeo a cuarta edición da peregrinación O...