InicioOrientalRibadeoAcepta prisión por cinco anos logo de ser detido por levar cinco...

Acepta prisión por cinco anos logo de ser detido por levar cinco quilos de cocaína no seu coche en Ribadeo

O acusado acudiu á Audiencia custodiado, xa que permanece en prisión provisional comunicada e sen fianza desde a súa detención

Publicada o

- Advertisement -

Cinco anos de prisión e unha multa de 1.231.004,71 euros, é a condena que aceptou o home que foi detido en outubro do pasado ano en Ribadeo cando circulaba pola A-8 con cinco quilos de cocaína e outros tantos de resina de cannabis ocultos nun compartimento do seu vehículo.

O acordo entre as partes alcanzouse antes da celebración do xuízo previsto na Audiencia Provincial de Lugo, polo que finalmente non será necesario celebrar a vista oral fixada para este xoves.

O acusado acudiu á Audiencia custodiado, xa que permanece en prisión provisional comunicada e sen fianza desde a súa detención. Ademais da pena de cárcere e a multa, o acordo establece unha responsabilidade persoal subsidiaria de tres meses en caso de falta de pagamento.

Os feitos remóntanse ao 2 de outubro de 2025. Aquel día, axentes da Garda Civil dos postos de Ribadeo, Mondoñedo e Barreiros estableceran un punto de verificación na A-8, á altura do quilómetro 506, en Ribadeo. Sobre as 11.10 horas deron o alto a un Audi A4 que conducía o acusado.

Durante a inspección do vehículo, os axentes observaron unha modificación na zona do maleteiro á que se accedía desde a parte inferior. No seu interior atoparon varios paquetes con cocaína. En concreto, foron intervidos 2.004,3 gramos, 1.000,8 gramos, 1.002,9 gramos e 990,5 gramos desta sustancia, cunha elevada pureza. Tamén localizaron 4.844,9 gramos de resina de cannabis.

Pero o rexistro do coche foi só o principio da investigación. Por mor da intervención da droga e dos antecedentes policiais do sospeitoso, o xulgado autorizou o rexistro da súa vivenda en Vilanova de Arousa, en Pontevedra. Alí os axentes atoparon un importante arsenal de sustancias estupefacientes preparado, segundo a acusación, para a súa distribución.

Na vivenda apareceron varios paquetes de heroína que superaban o catro quilos en conxunto, ademais de numerosas partidas de cocaína, máis de tres quilos, e case dez de resina de cannabis. Entre as cantidades de cocaína localizadas figuraban paquetes de practicamente un quilo, ademais doutras partidas de menor peso.

O rexistro permitiu descubrir tamén unha serie de elementos que apuntaban, segundo a Fiscalía, a unha actividade organizada de preparación e distribución de droga. Na casa había un sistema de cámaras de vixilancia caseiro para controlar os accesos, unha máquina envasadora, numerosas bolsas e recortes de plástico e unha máquina para contar billetes. Os investigadores atoparon ademais dous teléfonos satelitales da marca Iridium e 850 euros en efectivo.

A Fiscalía consideraba que o acusado posuía todas estas sustancias con intención de destinalas ao tráfico e atribuíalle un delito contra a saúde pública por sustancias que causan grave dano á saúde. No seu escrito de acusación solicitaba inicialmente nove anos de prisión e unha multa de 2.753.380,51 euros, ademais do comiso da droga, o diñeiro, os efectos intervidos e o Audi utilizado para transportar parte do alixo.

A condena finalmente pactada é sensiblemente inferior. O informe forense acreditou que o acusado era consumidor de cocaína e que mantiña unha dependencia prolongada, cun historial de consumo de aproximadamente 20 anos. Esta circunstancia foi considerada como atenuante por drogadicción e contribuíu á rebaixa da pena.

ÚLTIMAS

Ribadeo estrea ordenanza para regular o estacionamento das autocaravanas

A ordenanza reguladora do estacionamento de vehículos de acampada nace para velar polo turismo...

Cervo apoia ao CEIP Península da Paz nun novo plan de acción de Alcoa

O Concello de Cervo colaborou co CEIP Península da Paz e co persoal voluntario...

O Concello de Foz agrade a Transportes a licitación para a mellora na intersección da Corredoira

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, felicitouse este luns co anuncio da Demarcación de...

Alfoz celebra o XXXII Festival da Terceira Idade o 25 de outubro

O Concello de Alfoz celebrará o vindeiro domingo 25 de outubro o XXXII Festival...