En agosto incrementáronse a presenza de turistas estranxeiros en Ribadeo e tamén as pernoctas. Para Marta Saiz estes datos amosan o bo funcionamento do modelo turístico do Concello.
A concelleira de Turismo contou que “mais de 17.000 persoas foron atendidas no mes de agosto nas oficinas de turismo de Ribadeo. Algo mais de 4.500 na do centro e o resto no punto de información da praia de As Catedrais, case 3 veces máis que na oficina do centro, o que demostra que o monumento natural segue sendo o principal reclamo turístico do municipio. A comunidade de Madrid consolídase como principal emisor, sendo o segundo posto para Cataluña e Euskadi no centro, e Cataluña e Andalucía en As Catedrais”.
Saiz subliñou que “o peso do turismo internacional é un dos trazos máis relevantes desta temporada, xa que na oficina do centro supón preto do 16%, e no punto de información do areal máis do 30%, polo que o turismo internacional xa supera o 40%. Esta diferenza volve confirmar o papel da praia de As Catedrais como porta internacional de entrada ao municipio, que xunto co Camiño de Santiago, que desde os meses de primavera confirman a consolidación do Camiño Norte, e o porto deportivo sitúa a Ribadeo como un destino internacional”.
A edil ribadense indicou que “outro dato dos máis salientables da temporada estival é a porcentaxe de visitantes que pernoctan en Ribadeo, que acada xa máis dun 34% do total de visitantes. Este indicador é especialmente relevante porque reflicte a capacidade do municipio non só para traer visitas de xornada, senón tamén para reter turistas durante máis dun día, o que se traduce nun maior impacto económico sobre o comercio, hostalería e o sector do aloxamento local”.
Percorridos guiados
Marta Saiz dixo que “como ven sendo habitual o Concello reforzou a súa aposta polo turismo de calidade mediante a organización de percorridos guiados polo patrimonio cultural do municipio. Nesta edición participaron preto de 600 persoas, unha cifra que confirma o bo acollemento deste tipo de propostas entre visitantes e residentes. Os datos recollidos confirman que agosto foi o mes de maior intensidade turística da temporada estival cun peso destacado do punto de información da praia das Catedrais fronte á oficina do centro da vila e unha porcentaxe de turismo internacional en clara progresión. A elevada porcentaxe de pernoctas xunto cunha ocupación hoteleira do 90 a 95% e a boa acollida das visitas guiadas apuntan a un modelo turístico que non só atrae visitantes senón que consegue meter parte deles no municipio, xerando un impacto económico e social positivo para a Ribadeo”.
E engadiu: “dende logo, agradecer o traballo do persoal das oficinas de turismo e das praias, así como a implicación do sector privado polo esforzo realizado dende o comezo da temporada estival. Grazas a suma de esforzos, seguimos avanzando na consolidación de Ribadeo como un destino turístico de vangarda”.
