A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, declara: “o balance é positivo tanto para a hostalaría como para o comercio. Moitos foron os días nos que a ocupación hoteleira estivo no 100% ou moi preto desas cifras, debido en parte ao eclipse solar do pasado día 12 e a que agosto sempre é o mes por excelencia de vacacións. En liñas xerais este foi un moi bo verán para Ribadeo”. E subliña: “o Norte converteuse nun auténtico refuxio climático e iso nótase cada vez máis na presenza de turistas procedentes de Andalucía ou de Estremadura, así como os chegados desde calquera punto da Meseta sen esquecérmonos de Cataluña, País Vasco ou Asturias. É de destacar tamén a presenza cada vez máis importante do turista internacional: Francia, Italia, Reino Unido, Suíza, Alemaña, Dinamarca… foron algunhas das nacionalidades que este ano se deixaron ver por Ribadeo, ademais doutras procedentes de lugares tan lonxe como Australia para ver o famoso eclipse”.
O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, sinala que “Ribadeo recibe cada ano máis visitantes e iso é moi positivo para a dinamización económica da localidade. Os restaurantes rexistraron moito movemento, sobre todo, nos servizos de xantares; as terrazas tiveron un gran ambiente; a climatoloxía acompañounos durante todo o verán e iso tivo unha incidencia especial neste municipio. Non podemos esquecérmonos do incremento de peregrinos que rexistra o Camiño Norte e do turista que chega coas súas embarcacións ao porto deportivo de Ribadeo. Todo suma”.
Para presidenta e xerente as expectativas para setembro son boas: “as expectativas para setembro son boas. Ribadeo recibe a un turista diferente, que viaxa de forma máis tranquila, sen nenos e que meos consume. Se a iso lle engadimos que nos últimos anos tivemos un tempo fantástico en setembro todo apunta a que será un bo mes, pero a outro ritmo totalmente diferente”.
Pérez Prada engade que: “a desestacionalización, pola que administracións, asociacións e entidades levamos traballando moitos anos, chegará pouca e pouco. Ribadeo comeza a recibir turistas en Semana Santa e a súa presenza aquí prolóngase ata finais do mes de outubro, ademais de en pontes importantes como a de decembro. É un goteo constante en tempada baixa, pero cada vez máis importante e esperamos que vaia en aumento, porque o outono e a primavera son dúas estacións espectaculares para gozar das potencialidades turísticas, gastronómicas e comerciais de Ribadeo”.
