A concelleira do BNG de Ribadeo, Raquel Ferreira denunciou este martes o “desastre” e o “lamentable estado” no que se atopa o pavillón municipal da rúa Alfredo Deaño, onde as intensas goteiras e a entrada de auga na instalación impediron o normal funcionamento do campus de hóckey que comezaba na xornada deste luns. Todo isto ocorre tras un investimento recente de 190.000 euros de fondos públicos destinado, precisamente, ao arranxo e mantemento destas instalacións.
Ferreira lembrou que a problemática non é nova e que o seu grupo xa dera a voz de alarma a principios do pasado mes de xullo. “A comezos de xullo xa alertamos de que os traballos no teito non resolveran os problemas estruturais do pavillón. Nese momento, a única resposta do goberno do PP foi o silencio e a falla de explicacións. Hoxe vemos como, unha vez máis, o tempo nos dá a razón da peor maneira posíbel: diñeiro público tirado e o pavillón sen arranxar, prexudicando directamente aos usuarios e usuarias”, declarou a concelleira.
Para a representante municipal, o sucedido “deixa claro a forma de actuar do equipo de goberno”: “Ribadeo volve ser a testemuña doutro episodio de incompetencia e promesas baleiras do goberno municipal. Durante meses, o alcalde Daniel Vega non perdeu ocasión para mofarse publicamente da situación do pavillón municipal da rúa Alfredo Deaño, tirando de ironía ao dicir en múltiples ocasións que alí “facían falla máis caldeiros que en todo Ribadeo xunto”. “
Ante esta situación, exixen explicacións inmediatas ao equipo de goberno e a adopción de medidas para solucionar de xeito definitivo as filtracións, así como a revisión dos traballos executados para garantir a seguridade e o desfrute de todos os usuarios da instalación.
