Ribadeo recupera o lavadoiro e a fonte do Cristo de Rinlo. O investimento foi de 32.250 euros aportados pola Xunta de Galicia.
O alcalde, Dani Vega, dixo que “seguimos xestionando orzamento para recuperar espazos naturais, espazos verdes e o patrimonio de todos. Neste caso falamos de 32.250 euros xestionados ante a Xunta de Galicia, concretamente a Consellería do Mar. Quixemos recuperar espazos tremendamente mariñeiros dentro da vila de Rinlo, que é mariñeira, ir recuperando pouco a pouco espazos que son de todos”.
Para o rexedor “a administración debe ter esa obriga permanente de xestionar o orzamento para recuperar e conservar, pero tamén temos todos unha obriga individual para axudar ao colectivo, que é coidar todos os espazos naturais, os espazos verdes. E dende logo a fonte do Cristo tiña que ser recuperada”.
Vega lembrou que “cando nós chegamos ao goberno fixemos unha planificación e moitas delas estaban moi abandonadas, por non dicir total e absolutamente abandonadas, e o que fixemos foi xestionar eses 32.250 euros e recuperar a fonte do Cristo, o lavadoiro e todo o espazo, todo o entorno verde. A madeira toda que estaba moi deteriorada recuperouse a que se puido e a que non púxose nova e tamén a recuperación por completo do camiño, tanto a canalización da auga para que non pasara polo medio da pista e fora así destrozada o que fixemos foi canalizar toda a auga e un novo pavimento desa pista, dese acceso ao lavadoiro e á fonte do Cristo”.
O alcalde ribadense aposta porque Ribadeo ofreza a mellor imaxe posible: “recuperar espazos verdes, recuperar espazos naturais, en definitiva, espazos que son de todos e evidentemente temos que ter unha carta de presentación, Ribadeo debe ter o mellor posible os espazos naturais. Pouco a pouco vamos xestionando orzamento, neste caso son 32.250 que a Xunta de Galicia puxo en Ribadeo o 100 % para recuperar a fonte e o lavadoiro do Cristo”.
