A Asociación de Comerciantes, Industriales, Servizos e Autónomos de Ribadeo celebrou hoxe a asemblea xeral extraordinaria na que se informou do proceso electoral convocado hai uns días, así como da situación económica da asociación e da programación prevista para os próximos meses.
A actual xunta directiva xa anunciou hai días a súa intención de presentar candidatura á reelección. Durante a reunión, celebrada no Cine Teatro, de Ribadeo, informouse aos socios do calendario electoral e do procedemento que rexerá a presentación de candidaturas.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez Prada, explicou que “tal e como establecen os estatutos e o regulamento aprobado para este proceso, o prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto desde as 09:00 horas deste martes, 4 de agosto, ata as 13:00 horas do próximo venres, 7 de agosto. As candidaturas deberán estar integradas por un mínimo de seis e un máximo de dez membros, garantindo a representación dos principais sectores que forman a nosa asociación: comercio, hostalaría e servizos, ademais de contar con representación da Praza de Abastos”.
Así mesmo, sinalou que “as listas deberán presentarse completas, indicando os cargos de presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e vogais, empregando para iso o modelo oficial. Toda a documentación deberá estar asinada polos integrantes da candidatura e ir acompañada da correspondente fotocopia do DNI de cada un deles. Co fin de garantir a correcta data e hora de rexistro, toda a documentación deberá remitirse exclusivamente por correo electrónico ao enderezo gerencia@acisaribadeo.es”.
A Asemblea Electoral quedou fixada para o próximo venres 14 de agosto, ás 09:30 horas en primeira convocatoria e ás 09:45 horas en segunda convocatoria.
Aproveitando a celebración desta asemblea extraordinaria, a xerencia realizou tamén un repaso da situación económica e financeira da asociación, informando aos asistentes sobre a evolución da entidade e o estado das súas contas. Igualmente, presentouse a programación de actividades prevista para os próximos meses, facendo un percorrido polas campañas, accións de dinamización e proxectos que Acisa desenvolverá ata o peche do presente exercicio.
Presentación candidatura
A actual xunta directiva anunciou hai días a súa intención de presentarse á reelección. A presidenta, Carmen Cruzado, comentou que “a actual xunta directiva decidiu presentar a súa candidatura para optar a un novo mandato, coa ilusión e a responsabilidade de seguir traballando polo comercio, a hostalaría, os servizos e o conxunto do tecido empresarial ribadense. Cremos que durante estes anos Acisa Ribadeo experimentou un importante crecemento, tanto en número de empresas asociadas como en actividade, proxectos e capacidade de xestión, mais somos conscientes de que aínda quedan moitos retos por afrontar, moitos proxectos por culminar e queremos seguir liderando todo o que está por vir”.
Cruzado Iglesias agradeceu: “o traballo realizado pola xerencia de Acisa, que foi fundamental para levar a cabo os proxectos realizados e os que chegarán nos próximos meses. A todas as compañeiras e compoñentes de directiva polo seu traballo, polo seu apoio, pola súa comprensión e pola súa dedicación. Grazas a todas as asociadas e asociados polas súas achegas e a súa colaboración. Acisa non sería o que é sen todas e cada unha das persoas que compoñen esta entidade. Grazas ás administracións públicas e ás empresas privadas, que coas súas achegas económicas e coa súa colaboración nos permitiron chegar moi alto. Esta directiva está disposta a seguir suando a camiseta por Acisa e por Ribadeo”.
XII Cea de Gala de ACISA Ribadeo
Durante a reunión tamén se informou oficialmente da celebración da XII Cea de Gala de Acisa Ribadeo, Pérez Prada explicou que “terá lugar o 18 de outubro, a partir das 20:00 horas, no Parador de Turismo de Ribadeo. Este evento servirá para conmemorar o trixésimo aniversario da entidade e celebrar a recente obtención do Premio Nacional de Comercio Interior, converténdose nun dos actos máis destacados do calendario anual de Acisa. Na asemblea tamén adelantamos aos socios a proposta de galardóns correspondente á edición deste ano, cuxos premiados serán dados a coñecer publicamente a mediados do próximo mes de setembro”.
Na asemblea xeral extraordinaria, celebrada esta mañá, tamén se deu conta aos asistentes das actividades programadas ata finais deste 2026.
