A bandeira azul foi izada na praia das Catedrais este sábado e tamén foi presentado o dispositivo que traballa nos areais ribadenses este verán.
O alcalde, Dani Vega, contou que “presentamos todo o dispositivo que vamos ter durante estes meses de verán, onde vamos acoller moitos visitantes, onde evidentemente se vai incrementar a poboación e temos que estar preparados. Socorristas, despois de ter unha selección e de ter un número importante de socorristas para garantir a seguridade destes espazos, tamén técnicos sanitarios, membros de Protección Civil e por primeira vez tamén o servizo de Cruz Vermella que vai actuar na praia dos Bloques, con este proxecto piloto para axudar a mellorar a accesibilidade neste espazo”.
O rexedor dixo que “ Iremos paulatinamente actuando noutros areais, pero este proxecto piloto, quixemos empezalo aquí con sillas anfíbias para nenos, para adultos, tamén muletas, en definitiva un servizo de axuda para todas as persoas que teñen esa mobilidade reducida. É un proxecto único en Galicia. Tamén vamos ter o servizo de Protección Civil, onde vai reforzar, onde vai axudar, onde vai colaborar, como sempre fai tamén nestes espazos e, en definitiva, en todas as problemáticas que teñamos no verán. Policía Local e Garda Civil vamos traballar de forma conxunta, como facemos sempre, tendo esa información compartida para evitar calquera tipo de problema, risco e así poder garantir a seguridade”.
Vega explicou que “tamén presentamos o servizo de recollida e de limpeza dos espazos verdes en todos os areais que axuda a ver un mellor Ribadeo e tamén o servizo de limpeza nos baños das Catedrais. En definitiva, toda unha planificación, todo un traballo que durante estes meses vai ser duro”.
O alcalde tivo palabras de agradecemento para todo o dispositivo deste verán: “creo que hai que agradecerlles a dedicación, todo o traballo e todo o esforzo que fan. E tamén, evidentemente, dende a Semana Santa xa levamos traballando con eses pases para acceder nas Catedrais, así como en todo o asesoramento e en todo o reforzo por parte dos técnicos de Medio Ambiente, concretamente de Tragsa, na praia das Catedrais. Tamén presentamos a todos estes traballadores que van axudar, que van reforzar un servizo que tamén quere informar onde non podemos pisar, onde non podemos entrar en espazos restrinxidos na praia das Catedrais, e polo tanto é un bo traballo o que fan”.
Dani Vega engadiu: “empezamos e creo que con esta dedicación plena, con este traballo que están facendo, vamos ter un mellor Ribadeo, un Ribadeo preparado tamén para este período estival para estar garantindo unha maior seguridade en todos os espazos”.
Xunto ao alcalde no izado da bandeira azul na praia das Catedrais estiveron os concelleiros de Turismo, Medio Ambiente e Seguridade, Marta Saiz, Diego Dos Santos e Montse Seijo.
