O PSdeG de Ribadeo rebateu hoxe as declaracións realizadas polo alcalde do PP, Daniel Vega, nas que asegurou que o Concello está a ter “serios problemas” para adxudicar obras porque non hai empresas nin persoal suficiente no sector da construción.
A formación socialista considera “rotundamente falso” que a falta de profesionais sexa a causa de que determinadas licitacións municipais queden desertas e asegura que o verdadeiro problema é que o Concello está a sacar estas obras con condicións económicas “moi afastadas” dos prezos actuais do sector. “En Ribadeo non faltan empresas nin profesionais, faltan licitacións axustadas aos prezos de mercado”, sinalan.
O PSdeG desminte as palabras do rexedor, que defendeu que o problema “non é de rendibilidade, senón da escaseza de man de obra”. Para as e os socialistas, a clave está precisamente nas condicións económicas das licitacións. “Se os prezos están por debaixo do que custa executar unha obra, é evidente que as empresas non van concorrer”, remarcan.
Neste sentido, lembran que nas últimas semanas houbo procedementos nos que apenas se presentaron empresas ou que mesmo tiveron que ser declarados desertos, como aconteceu coa reposición da cuberta do edificio da Praza de Abastos. Unha situación que, segundo o PSdeG, o alcalde tenta xustificar cun argumento que “non se corresponde coa realidade”.
“O máis doado é dicir que non hai empresas, pero esa non é a situación. O que hai é unha falta de adecuación entre o que ofrece o Concello e os custos reais que teñen hoxe as actuacións”, subliñan dende a Executiva socialista.
Por iso, o PSdeG de Ribadeo reclama ao Goberno local do PP que “deixe de buscar escusas” e revise a súa política de licitacións municipais para garantir que os proxectos saian adiante con garantías, con prezos xustos e sen poñer en risco actuacións necesarias para o municipio.
“Non abonda con recorrer ao discurso fácil de que non hai profesionais. Hainos, e tamén hai empresas con capacidade e vontade de traballar. O que falta son licitacións axustadas á realidade económica do sector. O Goberno local ten que asumir a súa responsabilidade e deixar de cargar sobre os profesionais un problema que nace da súa propia xestión”, conclúen.
