InicioOrientalRibadeoAbertos os procesos para seleccionar socorristas en Ribadeo

Abertos os procesos para seleccionar socorristas en Ribadeo

Ademais, os días 30 e 31 de maio terá lugar o III Torneo Internacional de Fútbol Base Cadete, que organiza a SD Ribadeo.

Publicada o

- Advertisement -

Ribadeo ten abertos os procesos de selección de socorristas, sanitarios e persoal de limpeza para as praias do municipio. Neste momento son tres os procesos selectivos en marcha, que se atopan en prazo de presentación de instancias. As bases poden consultarse na sede electrónica do Concello.

Desde o equipo de goberno explican que “agora mesmo son necesarios 12 socorristas. Sobre unha plantilla formada por 15 socorristas e 1 xefe, contamos con 3 socorristas e o xefe a día de hoxe. En canto a sanitarios, é necesaria a contratación de dous traballadores, xa que sobre unha plantilla de 3 sanitarios temos un na actualidade. E para a limpeza de praias fan falta dous traballadores. Dos 4 necesarios temos 2 agora mesmo”.

O prazo de presentación de instancias finaliza o 2 de xuño para os sanitarios e limpeza de praias e o 4 de xuño para os socorristas. A tempada de praias comezará o 17 de xuño e os traballadores terán un contrato de 3 meses, gozando das súas vacacións nos últimos días de contrato.

E indican que “os servizos están deseñados para dar servizo a todas as praias ribadenses: Os Bloques, O Cargadeiro, Rochas Brancas, Os Castros, As Illas, Esteiro e As Catedrais, pero lamentablemente a falta de socorristas nos últimos anos so posibilitou dispoñer deste servizo en As Catedrais, As Illas e Os Castros, mesmo reducindo o horario a 7 horas sobre as 8 desexadas”.

III TORNEO INTERNACIONAL DE FÚBTOL BASE CADETE

Os días 30 e 31 de maio terá lugar o III Torneo Internacional de Fútbol Base Cadete, que organiza a SD Ribadeo.

Na cita competirán 24 equipos procedentes de Castela-León, Cantabria, Asturias e Galicia así coma un equipo chegado de Portugal e outro de Inglaterra. En total serán 430 xogadores, dos que moitos veñen acompañados polas súas familias.

Segundo explican os organizadores “o torneo disputarase o sábado na modalidade de eliminatorio de fase de grupos e o domingo serán os enfrontamentos directos de oitavos, cuartos, semifinais e final”. O torneo xogarase nos campos

O alcalde, Dani Vega, dixo que “un ano máis desde o Concello colaboramos coa SD Ribadeo na organización dos torneos de fútbol base que se van disputar ao longo das vindeiras catro fins de semana. Estamos encantados de facelo por todo o que supoñen tanto desde o ámbito deportivo como para os negocios de Ribadeo na antesala do verán así como desde o punto de vista turístico, porque quen visita o noso concello a través do deporte despois acaba facéndoo a título persoal e iso é algo que nos alegra”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, declarou: “para Ribadeo estas fins de semana van ser moi importantes polo que supoñerán para a dinamización económica do noso municipio: para a hostalería, para os hoteis, pero tamén para o comercio. Estamos a finais de maio, a piques de iniciar a tempada alta, e creo que vai a ser un mes moi potente grazas á celebración destes torneos da SD Ribadeo. Agardamos que sexan un éxito, ao igual que o foron en edicións anteriores”.

Desde a SD Ribadeo declararon: “desde a directiva agradecemos todas as axudas que por parte da Xunta, Concello, Deputación, Acisa, institucións públicas e privadas, e particulares nos achegan para levar a cabo a organización deste evento; e moi especialmente a colaboración das familias que forman a SD Ribadeo, para que os cativos poidan disfrutar ao máximo destas xornadas de convivencia e de festa do fútbol”.

Na presentación do III Torneo Internacional de Fútbol Base da SD Ribadeo participaron o alcalde, Dani Vega, o técnico municipal de Deportes, Iván López, a secretaria da SD Ribadeo, Mª José Tella, o coordenador de Fútbol 8 da SD Ribadeo, Aitor García, o deputado provincial Dani García, o concelleiro Marcos Villamil, así como a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.

Organiza a SD Ribadeo, coorganiza a Secretaría Xeral para o Deporte e colaboran Concello de Ribadeo, Vegadeo FC, Acisa, Deputación de Lugo, Gadis e Eroski.

ÚLTIMAS

Cervo celebra o Día Mundial do Medio Ambiente coa comunidade educativa

O Concello de Cervo conmemorou este venres o Día Mundial do Medio Ambiente cun...

Ton Blanco: “En Galicia non houbo guerra, houbo unha represión e unha depuración moi duras”

-Coñécese ou tense información sobre o perfil das persoas que foron fusiladas e que...

Continúan os labores de extinción nun edificio de Ribadeo

Os equipos de Emerxencias continúan traballando na extinción dun incendio declarado hai máis de...

Burela leva a Feira do Bonito a Festur 2026

O Concello de Burela participa un ano máis en Festur, a Feira de Festas de Interese Turístico que se celebra no recinto feiral de...