Acisa Ribadeo foi galardoada co Premio Nacional de Comercio Interior na categoría de Centros Comerciais Abertos, dotado con 25.000 euros. Este premio foi publicado hoxe no BOE pola Secretaría de Estado de Comercio, dependente da Vicepresidencia Primeira do Goberno e do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo: “é un orgullo e estamos moi satisfeitos por recibir este recoñecemento, polo que o Goberno de España, a través do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, recoñece o asociacionismo comercial, orientado á promoción dos Centros Comerciais Abertos (CCA), á potenciación e, en especial, ao desenvolvemento dos seus órganos xerenciais. Este premio é todo un recoñecemento de máximo nivel que avala a traxectoria de Acisa, polo seu prestixio e pola dotación económica de 25.000 euros. Trátase do maior recoñecemento que unha entidade coma a nosa pode obter a nivel nacional”. E destacou: “unímonos hoxe a unha lista de excelencia, con membros coma as asociacións comerciais de capitais como Valencia, Vitoria ou Santiago de Compostela. Hoxe unha pequena asociación de 170 empresas dun pobo de 10.000 habitantes emparéllase con grandes cidades como as que acabo de comentar”.
E engadiu: “levamos dez anos traballando para conseguir este galardón; en 2021 quedamos preto co Accésit, e desde entón traballamos con moita máis intensidade para logralo e hoxe por fin é noso. A importancia deste premio non é simplemente polo diñeiro, que loxicamente inflúe, pero desde Acisa e especialmente eu valoramos que se trata dun recoñecemento ao esforzo, ao querer mellorar ano tras ano, como o vimos facendo. Este premio recoñece a evolución de Acisa na última década, e en especial o traballo dos últimos cinco anos; recoñece a progresividade e mellora constante, a modernización da asociación, o desenvolvemento de actividades de dinamización e promoción, así como o traballo, o modelo de xestión e potenciación dos seus órganos xerenciais, e grazas a iso agora si podemos dicir sen lugar a réplica ningunha que Ribadeo e Acisa son un referente nacional no ámbito comercial e turístico, recoñecido”.
Pérez Prada indicou que “ao longo dos próximos días iremos contando, en redes e medios, con máis detalle o porqué do premio e os logros desta década, tendo en conta que valora a cantidade e diversidade de actividades de dinamización, a creación de sinerxías entre sectores así como a xestión de recursos”.
O xerente tivo palabras de agradecemento: “se algo hai importante na vida é ser agradecido, e por iso quero expresar o meu agradecemento persoal pola confianza depositada en min á presidenta, Carmen Cruzado, e á directiva de Acisa, e debo darlle as grazas e recoñecer tamén o papel do expresidente e á directiva coa que empezou todo este proxecto dos premios de comercio, a Francisco Iriarte, porque tivo a visión de animarme a presentarnos no 2021 e o convencemento de que algún ano o conseguiriamos, e Carmen confiou en que este ano se podía conseguir. Traballouse moito e moi duro para logralo, pero conseguímolo. E por último tamén quero compartilo cos compañeiros que neste período estiveron traballando en Acisa: Elena e Jorge, así como con todas as socias e socios de Acisa”.
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Carmen Cruzado, sinalou que “hai uns días, o xerente recibiu a chamada da Secretaría de Estado notificándonos o premio e dándonos os parabéns e hoxe xa se fixo oficial no Boletín Oficial del Estado. Entrégasenos este galardón entre centos de candidaturas de toda España, e para nós é un honor pertencer ao selecto e reducido grupo de capitais que o ostentan. Quero felicitar a Jesús Pérez polo traballo realizado, pola súa entrega e dedicación á asociación os 365 días do ano. E comparto este momento de alegría cos meus compañeiros de directiva, da que leva catro anos á fronte de Acisa, e da anterior, porque unha parte deste recoñecemento tamén é seu. Grazas a todas e todos polo voso traballo e apoio”. E subliñou: “levamos dous anos sendo premiados. O ano pasado pola Xunta de Galicia e este polo Goberno de España. Estamos moi satisfeitos por iso. O listón agora mesmo está moi alto”.
A entrega de premios será en Toledo o vindeiro 29 de abril e poderá seguirse por streaming, que se facilitará polas redes sociais de Acisa.
Presidenta e xerente comentan: “agardamos poder este ano conmemorar, celebrar e compartir este premio cos nosos socios e con toda a clientela do comercio, da hostalaría e dos servizos de Ribadeo dalgunha forma especial, porque sen todos eles este premio non sería posible; así como tamén explicar e dar a coñecer o porqué deste recoñecemento e cal foi a evolución de Acisa nestes anos. E para iso agardamos contar coa colaboración de todas as administracións que deberían ver a Acisa como o que se demostrou que é, unha entidade seria, referente, comprometida e responsable”.
