InicioOrientalRibadeoRibadeo fai un balance positivo da Semana Santa: máis de 3.300 persoas...

Ribadeo fai un balance positivo da Semana Santa: máis de 3.300 persoas pasaron polas oficinas de turismo

A concelleira Marta Saiz fixo un balance moi positivo e subliñou que Ribadeo confirmou unha vez máis o seu atractivo e o seu tirón.

Publicada o

- Advertisement -

A concelleira de Turismo, Marta Saiz, explicou que “Ribadeo encheu as súas rúas nunha exitosa Semana Santa e superou os 3.300 visitantes, consolidándose como destino clave do norte de Galicia. Ribadeo volveu confirmar o seu forte atractivo turístico durante a Semana Santa de 2026, rexistrando unha elevada afluencia de visitantes tanto na Oficina de Turismo do centro da vila como na praia das Catedrais, dous dos principais puntos de referencia do municipio. Durante estes días, as rúas da vila enchéronse de vida, cun ambiente dinámico e acolledor no que se mesturaron veciñanza e visitantes, proxectando a imaxe dun Ribadeo vivo, activo e aberto. Segundo os datos recollidos, a Oficina de Turismo da vila atendeu un total de 773 persoas, mentres que a da praia das Catedrais rexistrou 2611 visitantes”.

Para Marta Saiz “estas cifras reflicten o importante tirón turístico do destino, especialmente no que respecta ao seu principal recurso natural, a praia das Catedrais, que continúa a consolidarse como un dos enclaves máis visitados do litoral galego”.

A edil de Turismo e Comercio dixo que “a análise dos datos permite confirmar que Ribadeo atrae maioritariamente turismo nacional, que representa unha ampla maioría das visitas rexistradas, procedentes de distintas comunidades autónomas. Pola súa banda, o turismo internacional, aínda que minoritario, mantén unha presenza constante, especialmente de países europeos, o que evidencia o crecente posicionamento do destino a nivel exterior. En canto ao tipo de visitante, predomina claramente un perfil vacacional, con especial presenza de parellas, familias con nenos e pequenos grupos de amigos. Este perfil reforza a imaxe de Ribadeo como un destino ideal para o descanso, o lecer e a experiencia compartida”.

Saiz seguiu a relatar: “cómpre salientar tamén a presenza de peregrinos ao longo destes días, o que indica o inicio da tempada alta deste perfil de visitante vinculado ao Camiño de Santiago”.

E engadiu: “é certo que a programación desenvolvida durante a Semana Santa contribuíu de maneira decisiva a reforzar o atractivo do destino, cunha ampla variedade de actividades culturais, musicais, deportivas e gastronómicas dirixidas a públicos diversos. Entre as propostas máis destacadas incluíronse visitas guiadas, eventos musicais como o Festival de Jazz & Blues ou o Camiño Norte Fest, actividades gastronómicas como a Mexillonada de Rinlo e eventos deportivos, ademais dos actos relixiosos propios destas datas. Esta combinación permitiu ofrecer unha experiencia turística completa. Dende o Concello de Ribadeo destacamos que estes datos confirman a boa evolución do destino e a eficacia da aposta pola diversificación da oferta turística. Ribadeo reafírmase así como un destino turístico dinámico, atractivo e en crecemento, capaz de combinar natureza, cultura e tradición, consolidando a súa posición como un dos principais referentes turísticos do norte de Galicia”.

Marta Saiz agradeceu o traballo desenvolvido polo persoal das Oficinas de Turismo: “agradecer o traballo que fan durante todo o ano e principalmente nestas datas nas que os visitantes se duplican ou triplican”.

ÚLTIMAS