Concello de Ribadeo e Deputación de Lugo asinaron este venres o convenio polo que a institución provincial asume o 100% do financiamento da residencia de maiores. O alcalde, Dani Vega, considera que se trata dun bo acordo.
O rexedor contou que “este venres firmamos un convenio coa Deputación que a partir de xa vai pasar a financiar 100% a nosa residencia de maiores. Ata o de agora unha porcentaxe a poñía a Deputación e outra cantidade era aportada polo Concello. A partir de agora financiará a Deputación 100%”.
Para Vega “é un bo convenio, é un bo acordo, eu creo que é unha liña correcta, eu creo que a Deputación tiña que financiar este servizo básico e nos agradecémosllo á presidenta, Carmela López, e ao deputado Pablo Rivera, porque entenderon que tiñan que colaborar cos Concellos. Así como tamén valoramos todas as axudas que fan todas as administracións”.
O rexedor lembrou que “hai poucos días a Xunta tamén anunciaba esa achega no Servizo de Axuda no Fogar, iso quere dicir que aporta máis cantidade e así os Concellos temos que poñer menos orzamento para o Servizo de Axuda no Fogar. Entender que todas as administracións estean na liña correcta e os Concellos o que temos que facer é xestionar orzamento e preocuparnos por traer máis orzamento ao noso municipio e estar constantemente loitando para que os Concellos teñan que poñer menos recursos cando non teñen as competencias”.
Vega manifestou: “hoxe a Deputación eu creo que firmou un bo convenio poñendo no centro á persoa e os servizos básicos como é toda a política de benestar social, que é fundamental para o Concello de Ribadeo. É un acordo moi positivo, e seguir nesa liña que é na vamos seguir desde Ribadeo, nesa xestión constante e permanente de recursos fundamentais para Ribadeo”.
