O programa Preto de Ti celebrou onte, 1 de marzo, o seu tradicional cocido de Antroido cunha multitudinaria participación. Máis de 150 persoas das distintas parroquias do concello reuníronse nunha xuntanza festiva para compartir mesa, conversa e un dos pratos máis representativos da gastronomía galega, o cocido.
A iniciativa, que busca fomentar a convivencia e combater a soidade, converteuse xa nunha cita sinalada no calendario social de Ribadeo. Durante a xornada, os asistentes puideron gozar dun ambiente de alegría, compañeirismo e boa comida, reforzando os lazos entre veciños e veciñas das diferentes parroquias.
A concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, amosou a súa satisfacción pola elevada participación: “cada vez máis xente se suma a estas actividades. O noso obxectivo é crear espazos de encontro e reducir a soidade, especialmente entre as persoas maiores”.
Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, destacou o compromiso do Concello co benestar da veciñanza: “Estamos moi satisfeitos co traballo que se está a facer e imos seguir nesta liña, levando máis vida, máis actividades e máis oportunidades de encontro á xente de Ribadeo”.
Desde o Concello salientan que o programa Preto de Ti continuará organizando novas propostas ao longo do ano, co propósito de fortalecer a cohesión social e promover unha participación activa, poñendo en valor á persoa.
