O BNG de Ribadeo vén de anunciar que Martín Graña será o novo candidato á Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais, tomando o relevo de Pablo Vizoso, quen ata o de agora exerceu como portavoz municipal e anterior candidato. Na tarde deste venres, a militancia do BNG de Ribadeo escolleu en asamblea a Martín Graña como o candidato a alcaldía para as eleccións do ano 2027. O actual concelleiro pasará tamén a desempeñar a función de portavoz do grupo municipal. O ata agora portavoz Pablo Vizoso seguirá formando parte do equipo como concelleiro do Bloque na corporación.
O anuncio produciuse a mañá deste sábado. No acto Vizoso sinalou que esta decisión se toma “desde a responsabilidade e o compromiso ca veciñanza e que o equipo queda en boas mans na figura de Martín Graña.”
Pola súa parte, Martín Graña mostrábase “ilusionado e con vontade de construír unha alternativa forte e solvente para poñer a Ribadeo onde merece estar” Graña asume este reto ca determinación de seguir ampliando a base social poñendo as persoas no centro das políticas municipais. “É unha honra asumir esta responsabilidade. Afróntoa con ilusión e coa vontade de escoitar, aprender e mellorar día a día. Ribadeo ten un potencial enorme que merece ser reforzado con boa xestión, con bo facer e con rigor. Debemos construír a alternativa entre todas e todos, con esperanza e proxecto para mellorar a vida das persoas, diso se trata a política. E xa o digo claramente, o vindeiro ano saímos a gañar, queremos volver a gobernar este concello”
O novo candidato destacou tamén o labor desenvolvido por Pablo Vizoso ao fronte da portavocía municipal, agradecendo o seu compromiso, dedicación e defensa constante dos intereses da veciñanza de Ribadeo. A súa etapa deixa unha base sólida sobre a que seguir medrando e avanzando.
O BNG da comezo así a unha nova etapa, na que combina experiencia e renovación, co obxectivo de consolidar unha alternativa forte, ilusionante e preparada para volver liderar o concello desde a proximidade, a transparencia e o compromiso.
