O alcalde, Dani Vega, fai unha valoración positiva do encontro mantido nas últimas horas coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López. Ribadeo demandou o arranxo das estradas de titularidade provincial así como axuda para o equipamento do hospital asilo e para a construción dun campo de herba artificial, entre outras actuacións.
O rexedor declarou: “agradecemos á Deputación Provincial esta reunión que mantivemos no día de onte. A presidenta recibiume despois de 3 anos esperando. Entendemos que a nova presidenta comprendeu desde o primeiro momento que tiña que recibir a todos os alcaldes, e nese clima institucional de respecto, nese clima de traballo constante para seguir investindo nos municipios, a Deputación é onde ten que estar, colaborando con todos os concellos e non escoller aos concellos onde ten que investir. Creo que este clima de entendemento é o que ten que continuar e así o agradecemos, cando se fan ben as cousas a min non me doen prendas en recoñecer que esta actitude é a que ten que permanecer na institución provincial”.
Para Vega “o respecto institucional é moi importante. Todas estas propostas, todas estas demandas que lle trasladei á presidenta, está moi ben que me reciba, pero agora ten que concretar en que vai a colaborar con Ribadeo. De momento, a Deputación de Lugo, nestes 2 anos en medio, non aportou un euro. Esperemos que a partir de agora, se escoite ao Concello, se escoiten as súas propostas e se invista. Primeiro, na conservación das estradas da súa competencia. Non pode ser que as vías da súa titularidade estean completamente abandonadas. Por iso, lle trasladei que debe haber unha conservación, debe haber un arranxo da 5204, da 5205 e da 5201. Todas estas estradas encóntranse nun estado lamentable. Son as que van desde Arante a Trabada, as da Devesa, Santalla… En definitiva, as estradas de competencia da Deputación”.
O alcalde indicou: “digo que debe haber unha inversión para mellorar o pavimento, pero tamén debe haber unha conservación e limpeza. A solicitude tamén dun convenio de colaboración para o novo equipamento da residencia hospital asilo. Eu creo que é positivo que a Deputación entre a colaborar. Tamén agradecemos toda a axuda que se nos está prestando na nova residencia. Nestes momentos vaise facer cargo do cen por cen, e creo que hai que agradecer tamén á Deputación esta boa xestión. E polo tanto hai que dicilo alto e claro”.
Dani Vega explicou que “tamén solicitamos un convenio de colaboración para o arranxo da estrada Camiño das Barreiras, que comunica con Rosalía de Castro, un dos accesos de entrada e tamén a solicitude do 50 % para construír un novo campo de herba artificial. Todos somos conscientes de que o Concello non pode investir 550.000 euros nun campo de herba artificial, non temos capacidade e o que debemos facer é o que fan en todos os Concellos onde gobernan o PSOE e BNG, nos que teñen convenios excepcionais. Entendo que a Deputación con Ribadeo pode colaborar co 50%. Para o resto, xa nos estamos reunindo coa Xunta, en breve eu creo que van concretar esa colaboración, entendo que a Xunta vai responder que sí e tamén entendo que a Deputación vai colaborar”.
O rexedor engadiu: “nun clima de entendemento institucional, nun clima de respecto institucional, eu creo que foi unha reunión moi positiva e agora agardamos con gran expectación que isto se cumpra e que se concrete toda esta inversión. Grazas polo recibimento. Entendo que a outra parte do Goberno, que coordina o BNG, tamén nos recibirá, porque le vamos agardando 3 anos por esas reunións e creo que agora é de xustiza, que se nos recibiu a presidenta, tamén nos recibirá o vicepresidente e nos explique cales son as colaboracións con Ribadeo en materia deportiva, en materia tamén de medio rural e en cultura. Grazas á Deputación, á presidenta concretamente, por esta reunión, por este clima de traballo e de respecto institucional, que é o que debe permanecer”.
